A CIG traslada o seu fondo pesar polo pasamento do compañeiro Antolín Alcántara Álvarez
Mañá venres día 29, ás 12:30h, no Tanatorio de Pereiró en Vigo está previsto un acto de despedida
A Confederación Intersindical Galega (CIG) traslada o seu máis fondo pesar polo pasamento, na madrugada de hoxe, de Antolín Alcántara Álvarez, compañeiro de longa traxectoria tanto no sindicalismo como en organizacións políticas do nacionalismo e que foi, na súa última etapa, secretario confederal de Negociación Colectiva.
A central sindical quere trasladarlle tamén as súas condolencias e solidariedade á familia e amizades e salientar o seu compromiso inquebrantábel na defensa dos dereitos da clase traballadora e na loita por unha Galiza ceibe e sen explotación.
Natural de Moaña, era o maior de sete irmáns e estudou bacharelato no instituto de Cangas. Con 16 anos comezou a traballar na mariña mercante alemá como maquinista naval, tomando contacto por primeira vez coa explotación de clase que espertaría andando o tempo a súa conciencia obreira. Aos 21 anos entra a traballar no sector da automoción en Vigo, onde inicia as súas primeiras loitas sindicais, e posteriormente no transporte e nas instalacións eléctricas.
Antolín Alcántara foi unha das figuras máis destacadas do sindicalismo nacionalista galego das últimas décadas e un referente humano, político e sindical para varias xeracións de militantes e traballadores e traballadoras. Vinculado desde moi novo ás loitas obreiras e ao movemento nacionalista galego, fixo da defensa da clase traballadora, da xustiza social e da liberación nacional e social de Galiza o eixo central da súa vida.
Especialmente ligado ás loitas do metal e do naval da comarca de Vigo, Antolín desempeñou un papel fundamental nos grandes conflitos laborais que marcaron a historia recente do movemento obreiro galego, sempre desde a primeira liña, ao lado dos traballadores e traballadoras, defendendo con firmeza a negociación colectiva, os dereitos laborais e a necesidade dunha resposta organizada fronte á explotación e á precariedade.
Ao longo da súa traxectoria asumiu distintas responsabilidades dentro da CIG. No IV Congreso Confederal da CIG celebrado en 2005, ao que concorreu na candidatura de Suso Seixo, sae elixido secretario confederal de Negociación Colectiva e Saúde Laboral.
Antolín foi unha referencia sindical pola súa capacidade de análise, pola súa firmeza ideolóxica, pola súa enorme capacidade de traballo e polo seu compromiso permanente coa CIG, co nacionalismo e coa loita colectiva. Unha voz clara e valente na denuncia das reformas laborais, das políticas antisociais e da perda de dereitos da clase traballadora, mantendo sempre unha posición coherente e combativa.
Solidariedade de clase
Mais, por enriba de todo, Antolín foi un compañeiro profundamente humano, solidario e comprometido con todas as causas xustas. Home de fortes conviccións e dunha enorme honestidade persoal, destacou pola súa proximidade, pola súa sensibilidade social e pola súa capacidade para transmitir conciencia, dignidade e compromiso. A súa vida estivo guiada pola defensa dos máis humildes, pola solidariedade internacionalista e pola convicción profunda de que Galiza ten dereito a decidir libremente o seu futuro e a construír unha sociedade máis xusta e libre.
Mesmo nos momentos máis difíciles, incluídos os procesos xudiciais e a criminalización sufrida pola súa actividade sindical, mantivo intacta a súa dignidade e a súa defensa do dereito da clase traballadora á mobilización e á loita organizada.
Nos últimos anos deixou tamén un valioso testemuño da memoria colectiva da súa xeración a través de distintas intervencións públicas e da publicación do libro En memoria da nosa infancia (2025), no que reconstruía a dureza da vida durante o franquismo, a pobreza, a emigración e a represión, reivindicando ao mesmo tempo os valores de solidariedade, apoio mutuo e conciencia colectiva que marcaron a súa vida e a da súa xeración.
Co pasamento de Antolín Alcántara, desaparece un compañeiro imprescindíbel para entender a historia recente da CIG e das loitas obreiras e nacionalistas de Galiza. Mais o seu exemplo de entrega, coherencia e compromiso ficará para sempre na memoria colectiva do sindicalismo nacionalista galego e de todas as persoas que compartiron con el a defensa dunha sociedade sen explotación, máis xusta e plenamente libre.
Que a terra che sexa leve, compañeiro.