A CIG traslada o seu apoio á folga xeral en Hego Euskal Herria deste 17 de marzo

As centrais vascas reclaman unha salario mínimo propio de cando menos 1.500 euros
Internacional - 16 Mar 2026

A Confederación Intersindical Galega (CIG) traslada o seu apoio á folga xeral convocada en Hego Euskal Herria (Araba, Bizkaia, Gipuzkoa e Nafarroa) este martes 17 de marzo para reclamar un Salario Mínimo Interprofesional (SMI) de 1.500 euros.

A xornada de mobilización está convocada polas organizacións sindicais ELA, LAB, Steilas e Hiru e polo movemento Etxalde baixo o lema ‘Gutxieneko soldata hemen erabaki [Decidir o salario mínimo aquí]. SMI 1.500€. Mejorar salarios para repartir la riqueza’ co obxectivo de lograr establecer un SMI propio nestes territorios nun contexto de perda de poder adquisitivo e de empobrecemento xeneralizado. 

Agardamos que a xornada sexa un éxito e que se acaden os obxectivos polos que se convoca

Na CIG temos moi claro que os dereitos só se conseguen loitando, e esa é unha das características fundamentais do noso modelo sindical. Por iso apostamos pola mobilización como instrumento fundamental para plantarlle cara ao poder económico e ao poder político e sindical que lles é servil.

Agardamos, pois, que a xornada de folga xeral deste martes 17 de marzo en Hego Euskal Herria sexa un rotundo éxito, que a participación sexa masiva e que os obxectivos polos que se convoca sexan conquistados.