A CIG traslada o apoio á delegada do SAF a quen o alcalde de Ponteceso difamou nun pleno municipal

A central mobilizouse con motivo do acto de conciliación previo no Xulgado de Paz ao que o rexedor non compareceu
Ponteceso - 09 Set 2026

A CIG mobilizouse na mañá deste mércores na Casa do Concello de Ponteceso en apoio á delegada do SAF contra da que o alcalde verteu acusacións moi graves durante o pleno municipal do pasado 27 de maio. A protesta realizouse con motivo do acto de conciliación no Xulgado de Paz previo á interposición de querela por presunto delito de inxurias graves e/ou calumnias. Dado que o alcalde, José Manuel Mato, non compareceu no acto, o proceso continuará na vía penal.

“Ás lamentábeis declaracións do alcalde de Ponteceso hai que engadirlle agora a súa covardía. Hoxe tiña moi fácil pórlle remate aquí a esta situación e evitar ter que ir a xuízo polo penal, pero non quixo. A CIG continuará a defender a honra da compañeira e os dereitos sindicais onde sexa preciso e apoiará todas as accións legais que ela considere levar adiante”, aseverou o secretario comarcal da CIG da Coruña, Óscar Calvo, durante a protesta.

Na mesma liña manifestouse o responsábel da Unión Local de Carballo, Martín Caamaño, quen criticou a irresponsabilidade do rexedor por non presentarse no Xulgado de Paz e incidiu na extrema gravidade dos feitos denunciados “posto que se utilizou un foro democrático como é o pleno municipal para tentar coartar as liberdades e dereitos fundamentais dunha traballadora e delegada de persoal”.

O alcalde puxo en cuestión os dereitos sindicais e o traballo da compañeira

Cómpre lembrar que durante o pleno municipal do 27 de maio, o alcalde de Ponteceso puxo en cuestión o traballo sindical e verteu acusacións moi graves sobre esta delegada da CIG (e sobre o propio sindicato) tentando desprestixiala a nivel profesional e como representante do persoal do SAF.

Coas súas declaracións, Mato deixou en evidencia a súa animadversión contra esta traballadora e o seu talante antisindical ao recriminarlle que faga uso do crédito de horas sindicais, chegando incluso a acusala de abandonar o seu posto e desatender a unha persoa usuaria do servizo.

A maiores, o alcalde atribuílle á traballadora o envío de mensaxes ameazantes a compañeiras para que non se presentaran noutras candidaturas diferentes, manifestando de xeito expreso o seu desexo de que a representación sindical no SAF de Ponteceso non pertenza á CIG.

Ante unhas afirmacións tan graves que atentan contra a liberdade sindical, contra a dignidade e a profesionalidade, a compañeira e o sindicato acordaron levar adiante as accións legais oportunas.

No acto de conciliación no Xulgado de Paz (requisito previo obrigatorio nunha querela por delito de inxurias e calumnias) requiríase ao rexedor para que recoñecera como incertas as declaracións e imputacións vertidas e que se aviñera a reparar a traballadora polo dano moral e o prexuízo ocasionado.

Como o alcalde non acudiu ao acto de conciliación, agora o proceso continuará coa presentación formal da querela na vía penal, pois como reivindicou a delegada na concentración: “seguirei pelexando, porque os meus dereitos e os das miñas compañeiras non se tocan”.