A CIG tomou as rúas o 1º de Maio para reivindicar traballo, dereitos e soberanía e contra as guerras

Nacional - 06 Mai 2025

A CIG tomou as rúas do país o 1º de Maio, Día Internacional da Clase Obreira, baixo o lema ‘Traballo, dereitos, soberanía. Galiza contra as guerras’ para reivindicar dereitos laborais, sociais e nacionais e rexeitar a escalada belicista liderada polos Estados Unidos e a OTAN. Varios milleiros de persoas participaron nas 17 mobilizacións convocadas pola central sindical noutras tantas localidades galegas, sendo a principal e máis numerosa a manifestación que percorreu o centro de Vigo ao mediodía, dende o cruce da Dobrada até a Porta do Sol.

Este 1º de Maio enmárcase na campaña da CIG para reclamar traballo digno, igualdade de salarios e unha Galiza con dereitos, e celébrase nun contexto de profunda crise global, marcada por unha ofensiva do capitalismo neoliberal que reforza a explotación de clases e pobos, no que o gasto militar e a guerra son ferramentas do imperialismo para soster un sistema inxusto e incapaz de resolver as necesidades básicas da humanidade e de ser respectuoso coa natureza. 

Carril advertiu sobre que o medre da extrema dereita medra consolida un proxecto reaccionario que antepón os gastos militares aos dereitos sociais

Nestes termos se expresou o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, durante a súa intervención ao remate da mobilización de Vigo, que comezou cunha mención solidaria coa Palestina e de condena ao xenocidio israelí. Demandou unhas novas relacións internacionais sen subordinacións, explotación nin dependencias, fundamentadas no dereito de autodeterminación e no respecto á soberanía dos pobos.

E alertou sobre o medre da extrema dereita medra, consolidando un proxecto reaccionario que antepón os gastos militares aos dereitos sociais, “deriva que afonda no descrédito da UE no mundo e acelera a súa descomposición interna, mentres se mantén intolerante en recoñecer dereitos sociais e a soberanía dos pobos a as nacións que a integran”.

Un deseño imperialista co que o Goberno español “se aliñou sen reparos”, lanzando unha “descomunal” campaña de propaganda, recorrendo ao medo para convencer á poboación da necesidade de incrementar as partidas destinadas a armamento, cando xa supera o 2% do PIB en gasto militar, priorizando así orzamentos bélicos sobre as necesidades sociais.

De xeito que acepta plans de axuste que recortan o investimento público e avanzan na privatización dos servizos básicos, medrando os sectores populares impedidos de acceder a dereitos como alimentación e vivenda. “O 60% do emprego creado son contratos fixos-descontinuos e temporais; crece a pobreza laboral; e moitas persoas traballadoras ven reducidos os seus ingresos mentres as empresas aumentan beneficios”.

Políticas “suicidas” do PP

Carril cargou tamén contra as políticas “suicidas” do Partido Popular á fronte do Goberno galego, “que aproveita estas políticas españolas e no seu profundo proxecto reaccionario e dereitoso convérteas en máis fatais para o pobo galego, provocando un aumento da pobreza e da desigualdade”. Privatización dos servizos públicos, do ensino e da sanidade, mercantilización do sector da dependencia ou a actual ofensiva contra a lingua propia do país foron algunhas das cuestións que citou a modo de exemplo. 

As políticas que aplica o PP en Galiza están a provocar un aumento da pobreza e da desigualdade

E lamentou que todo isto ocorre en Galiza e no Estado español co aval dun diálogo social “fraudulento” que se utiliza como “cortina de fume” para impor estas medidas e as reformas laborais e da Seguridade Social “que legalizan a precariedade, os baixos salarios, a pobreza laboral e aumentan as desigualdades e o desmantelamento do sistema público de pensións”.

Medidas como a redución da xornada a 37,5 horas promovida polo Ministerio de Traballo, UGT e CCOO, que cualificou de “fraudulenta” porque a xornada laboral anual media xa está moi próxima a esta cifra e porque a redución faise no cómputo anual, permitindo a distribución irregular da xornada, o que non garante que as persoas saian antes do traballo.

“As políticas favorábeis para a clase traballadora e para o pobo galego non son concesións dos gobernos nin nacen do diálogo social, senón que se conquistan loitando; o tempo que tardamos en ir á mobilización e á folga é tempo que perdemos en gañar dereitos”, rematou.