A CIG-TIC entra con dous representantes no comité de Telefónica Tech a primeira vez que se presenta
A CIG-TIC entrou con dous representantes no comité de empresa de Telefónica Tech no centro de traballo de Vigo tras o proceso de eleccións sindicais celebrado este xoves 9. Trátase da primeira vez que a central presenta candidatura na unidade de negocios dixitais do grupo Telefónica, que ofrece servizos en campos como ciberseguridade, IoT (Internet das cousas), Cloud, Big Data e Intelixencia Artificial.
Dende a CIG-TIC valoran moi positivamente o resultado obtido en telefónica Tech, xa que permitiu lograr por primeira vez dous delegados dun comité de empresa de cinco persoas e afianza o crecemento do sindicalismo nacionalista nas tecnoloxías da información e da comunicación (TIC) e na propia comarca de Vigo, reforzando a posición de primeira forza en número de persoas delegadas no sector de consultorías no conxunto da Galiza.
Este centro de traballo emprega agora a máis de 50 persoas, centradas no campo da ciberseguridade, aínda que se agarda que o persoal supere as 100 persoas. No anterior proceso elixírase un único representante, que ostentaba CCOO. O sindicato estatal sumou agora dúas persoas delegadas, ao igual que a CIG, completando o comité o representante obtido por UGT.
“Esta nova correlación de forzas, xunto coa existencia de convenio propio, fan que exista unha grande marxe de traballo sindical que a CIG, co seu modelo asembleario e combativo, quere levar a cabo co aval recibido dos compañeiros e compañeiras de Telefónica Tech”, tal e como salientan dende a central.