A CIG súmase á celebración do Día de acción global por un mundo sen muros

Conmemórase en distintas partes do mundo este 9 de novembro
Nacional - 08 Nov 2017

Desde o muro do Apartheid de Israel en terra Palestina, até o Muro da Infamia de Estados Unidos en terras indíxenas e na fronteira con México, pasando polo muro que o Reino de Marrocos construíu en terras do Sáhara Occidental, todos eles son monumentos de expulsión, exclusión, opresión, discriminación e explotación. Tanto os que existen de forma física, como os que se impoñen por outros medios coercitivos, os muros non son máis que un instrumento de privación de liberdades e, desde a CIG, sumámonos á campaña que todos os movementos que buscan a paz e a igualdade como ferramentas para resolver os problemas, veñen realizando, tanto de xeito cotiá, como coa celebración do Día de acción global por un mundo sen muros, neste 9 de novembro.

“Non hai unha palabra para muro na nosa lingua. Preguntámoslles aos nosos antergos. Temos buscado. Mais, non hai unha palabra para muro porque non debe de haber muros…”. Estas son as verbas de Verlon M., José, Vicepresidente da Tribu Tohomo O´odham, cuxas terras está dividida pola fronteira entre México e EE.UU.

Case 70 muros en todos os continentes están separando a vida e terras dos pobos, erixíndose en fronteiras ou límites de control estatal. Estes muros causan miles de mortes cada ano e destrúen os medios de vida e as esperanza s de miles de persoas.

Hai 15 anos, Israel comezou a construír un muro que alcanza os 8 metros de alto, ao longo de 700 Km (que non son en liña coa fronteira, senón que fai continuas incursións en terra palestina, como unha grande serpe, tal e como a poboación o define). Este muro fíxose en territorios palestinos ocupados como parte integral dunha política de confiscación de máis do 60% de Cisxordania, e pretende encarcerar a xente de Palestina en menos do 13% do seu territorio histórico.

Isto independentemente do muro que rodea e illa completamente a Franxa de Gaza desde 1994. Os palestinos e palestinas nunca deixaron de resistir a existencia destes muros ilegais, nin a continua expulsión que os arrinca das súas terras. Por iso, en 2003, escolleuse o 9 de novembro (día da caída do Muro de Berlín, que algunhas persoas vían como un paso cara á liberdade e que o tempo está a cuestionar) como o Día Internacional contra o Muro Israelí do Apartheid.

Israel xoga un papel central na promoción desta era mundial de muros e Estados Unidos demostra todo o seu apoio: na India, en Arabia Saudita, Turquía, O Sáhara Occidental, e Europa, sen esquecernos os que o Estado español ten erguido en Ceuta e Melilla, o número de muros deseñados para definir fronteiras mediante o uso da forza tense triplicado nas últimas dúas décadas. Estes muros impiden o dereito á liberdade de movemento e de autodeterminación dos pobos. Téñense convertido en soportes dun mundo no que as guerras, a militarización e a exclusión son os substitutos da xustiza, a liberdade e a igualdade.

Os muros non só se ergueron para fortificar fronteiras de control estatal, senón para establecer límites entre ricos, poderosos, o socialmente aceptábel  e “os/as outros/as”.

Dominan cada vez máis as nosas cidades e sociedades. Decenas de miles de persoas tamén permanecen entre muros como prisioneiros de conciencia, algunhas baixo condicións ilegais e inhumanas. Outras, como estamos a ver agora no proceso catalán, e todos os efectos colaterais que provoca, simplemente por manifestar as súas ideas. Por iso falamos de muros visíbeis e invisíbeis, como os que se crean co bloqueo a Cuba, ou o acoso ao goberno bolivariano de Venezuela. Todos eles impiden acadar xustiza económica política, social e ambiental.

Moitos culpábeis, por acción ou por omisión. Os gobernos de moitos países onde non se promove abertamente a existencia destes muros, pechan os ollos e permiten a súa existencia noutros lados, mentres a verdadeira industria dos muros saca vantaxe disto vendendo a súa ideoloxía, metodoloxía e tecnoloxía a través de celebración de feiras e da venta de armas (no que o Estado español deu un grande medre nos últimos anos, por certo), licitacións e seminarios para obter ganancias económicas pola construción dos mesmos.

Participación da CIG nas diferentes accións

Hoxe é tempo de xuntarnos contra a proliferación global de muros, e facemos un chamamento para rachar con todos eles. É por isto que, desde a CIG, seguiremos a participar en todas as accións e foros que contribúan a:
•    Crear conciencia sobre o efecto devastador da crecente dominación dos muros no noso mundo e as nosas vidas.
•    Crear solidariedade e lazos de amizade cos pobos afectados por este muros e os movementos que loiten contra eles.
•    Esixir o final inmediato destes muros que expulsan, exclúen, oprimen, discriminan e explotan.
•    Resistir a quen obtén ganancias por eles e impedir que sexan financiados.

Por todo isto, desde Galiza, até Palestina, O Sáhara Occidental ou a fronteira de México con EE.UU, todos os muros deben caer!
“Cando se atopen as chaves, os muros desfaranse en rueiros”

A Coruña, 8 de novembro de 2017
Dpto. de Relacións Internacionais da CIG