A CIG súmase á mensaxe de apoio ao proceso democrático e bolivariano do pobo de Venezuela

Asinan numerosas centrais sindicais do estado español

Internacional -

Organizacións sindicais do estado español veñen de facer un público un manifesto no que, alén de facer público o seu apoio ao proceso democrático e bolivariano do pobo de Venezuela, rexeitan calquera intento violento e organizado para desestabilizar o país e denuncian a campaña de intoxicación mediática posta en marcha.

 

Mensaxe de apoio ao proceso democrático e bolivariano do pobo de Venezuela

Vistos os acontecementos sucedidos nas últimas semanas en Venezuela, as organizacións sindicais abaixo asinantes queremos expresar o seguinte:   

Entendemos, independentemente das valoracións que cada organización poida facer sobre as decisións que as autoridades están adoptando en Venezuela, que nos últimos 18 anos as maiorías sociais de Venezuela puxeron en marcha un proceso de emancipación social e nacional encamiñado a superar as enormes desigualdades existentes no país e transformalo cara unha sociedade máis xusta, libre e soberana. Esta foi a esencia do proceso político bolivariano. Por iso reclamamos o máximo respecto para co proceso.

Entendemos este proceso dentro dun proceso máis amplo que se está desenvolvendo en América Latina desde o inicio do século XXI. Procesos de cambio de cultura política e emancipación que buscan un cambio baseado na igualdade de dereitos e a xustiza social. E é por isto que o capital e o imperialismo (cuxo maior expoñente o representa EEUU) puxeron en marcha toda a súa maquinaria para botar abaixo os gobernos que apostan por elas, como se demostra nos casos de Guatemala, Brasil, Arxentina e, agora, Venezuela.

Por estes motivos rexeitamos calquera intento violento fomentado e organizado por quen teñen interese en crear un clima de caos nun país, que estea destinado a desestabilizar o país e a un goberno lexítimo elixido democraticamente. O diálogo, e non a violencia, debe ser o camiño para afrontar os conflitos políticos e sociais.

Así mesmo consideramos certas inxerencias externas parciais e hipócritas, máis cando reina o silencio máis absoluto diante da vaga de asasinatos -de máis de 80 líderes sociais e defensores de dereitos humanos- que están ocorrendo en Colombia logo da sinatura do acordo de paz do pasado 2016.

Neste sentido reafirmámonos no dereito de todos os pobos a elixir libre e democraticamente o seu futuro político.

Finalmente saudamos o proceso constituínte como mecanismo democrático e de participación popular do pobo de Venezuela.

Denunciamos, pola súa desproporción e manipulación, a campaña de intoxicación mediática que se está levando a cabo contra Venezuela por parte dos medios de comunicación “oficiais”, como outro instrumento máis ao servizo das partes interesadas en botar abaixo ao actual goberno, e cun trato discriminatorio entre este e as organizacións opositoras.

Asinantes: LAB, ESK, STEILAS (Euskal Herria) CUT Aragon, CUT Galiza, CIG Galiza, IAC, COS y CSC de Catalunya, Intersindical Valenciana (País Valenciá), Sindicato Andaluz de Trabajadores (SAT), CSI Asturies, Intersindical Canaria (Canarias) Confederación Intersindical y Sindicato Ferroviario (Estado Español).

Volver