A CIG solidarízase co pobo da Guiné-Bissau ante o golpe militar do 27 de novembro
Durante a celebración das eleccións presidenciais e lexislativas na Guiné-Bissau, antes de se promulgaren os resultados dun proceso que decorreu o 23 de novembro con total normalidade e que prevía un cambio de goberno, o Alto Comando Militar para a Restauración da Seguranza Nacional e Orde Pública invadiu a sede da Comisión Nacional de Eleccións impedindo que o día 27 de novembro se fixese pública e se materializase a vontade popular do pobo da guineano nas urnas.
Mediante comunicado público en que se suspenderon normas da Constitución da República para instaurar a Carta de Transición Política con vixencia de 12 meses, os militares impuxeron un goberno de transición encabezado por un militar, xefe de estado do presidente presuntamente derrotado nas urnas, ao tempo que se anunciou a prohibición de protestas, manifestacións, folgas ou calquera acción contraria á situación imposta pola forza.
Alén disto, ante o chamamento á desobediencia civil por parte de organizacións diversas, produciuse a ameaza de atacar e fechar medios de comunicación escritos, televisivos e de radio, se facilitaren a divulgación de mensaxes contrarias á orde militar imposta.
A CIG demanda a restitución da vontade popular e condena estes feitos, non só por contravir a orde constitucional democrática, senón tamén pola privación do exercicio da liberdade sindical e polas detencións á cidadanía e a líderes políticos da oposición, como Domingos Simões Pereira da PAIGC. No referente á vulneración das liberdades e dereitos sindicais, as sedes de diversos sindicatos foron tomadas polos militares golpistas e non están a funcionar con normalidade, caso da UNTG-CS, para alén do coñecemento de ameazas, persecución e encarceramento de líderes sindicais.
En coherencia co internacionalismo solidario que practica a central sindical galega, instamos á actuación inmediata da comunidade internacional e á exixencia por parte dos gobernos da liberación dos líderes políticos e sindicais e da cidadanía presa, á restitución do funcionamento das institucións guineanas e ao respecto pola lexítima vontade popular expresada nas urnas o 23 de novembro mediante o anuncio e efectividade dos resultados electorais.