CIG pedirá que se incorpore á causa xudicial aberta o accidente no que faleceu un traballador do AVE

O sinistro mortal deste mércores en Laza reforza a denuncia penal interposta pola central sindical
Verín - 10 Out 2018

 A CIG vai solicitar que se incorpore á causa xudicial aberta, toda a información relativa ao accidente mortal deste mércores en Laza para que sexa, no marco desa investigación penal, onde se depuren as responsabilidades que puideran derivar de tal sinistro.

Cómpre lembrar que, a raíz da denuncia penal presentada pola CIG en decembro do ano pasado, están abertas dilixencias previas no xulgado de instrución de Verín, co obxecto de determinar se a alta sinistralidade na vía do camiño de ferro pode ter consecuencias penais, polo “desleixo absoluto” á hora de evitar os graves accidentes, varios deles mortais, ocorridos nesas obras na provincia de Ourense dende o ano 2013.

Ineficacia das medidas de prevención

Este mércores, aos catro falecidos que a CIG contabilizou no momento de presentar a denuncia, hai que sumarlle unha nova morte e isto ven indicar, como mínimo, a ineficacia ou a inexistencia das preceptivas medidas de prevención e seguridade para garantir a saúde e a integridade dos operarios e operarias das obras deste treito da liña de alta velocidade. Esta precarización laboral multiplícase no caso dos operarios/as procedentes de Portugal

Dende a Federación de Construción e Madeira da CIG insisten en que a responsabilidade da prevención neste tipo de obras é tanto das empresas adxudicatarias e subcontratadas, como do propio Estado "que, ao cabo, é o promotor destas; sendo ambos, no seu caso, posíbeis responsábeis das súas consecuencias".

Polo dito, a CIG vai dirixirse ao xulgado de instrución que leva a causa para que requira aos servizos de Protección Civil de Laza, aos bombeiros/as de Verín, a Garda Civil, á Consellaría de Traballo, ao ADIF e ás propias empresas toda a información relativa ao accidente, a fin de incorporala á investigación, tentar aclarar o sucedido e, no seu caso, esixir que se depuren as posíbeis responsabilidades.

Finalmente, a central sindical quere transmitir o seu pesar pola morte tráxica deste compañeiro, vinculado á CIG na Unión Local de Verín dende hai moitos anos, e ponse á enteira disposición da familia para o que precise.