A CIG solicita xuntanzas cos grupos parlamentarios para coñecer as súas emendas á ILP da tarifa eléctrica galega

O PP, que a mantivo aparcada dous anos, intenta que perda o seu sentido

Nacional -

A CIG solicitou, a semana pasada, xuntanzas con todos os grupos con representación no Parlamento de Galiza para coñecer o sentido das emendas presentadas á Iniciativa Lexislativa Popular de Medidas para garantir a enerxía como servizo público para o desenvolvemento económico e industrial de Galiza; como dereito universal de todas as persoas ao benestar social e  contra a Pobreza Enerxética. Agás o PP todos atenderon a solicitude da central sindical. As xuntanzas terán lugar este mércores día 8 de novembro, pola tarde.

A ILP iniciou a súa andaina en maio de 2015 e foi sometida a debate no Parlamento de Galiza en xaneiro de 2016. No seu percorrido, alén do debate social que se promoveu, conseguiu o apoio de máis de 18.000 sinaturas, máis de 50 concellos –entre eles os de seis das sete grandes cidades- e tres Deputación Provinciais: Pontevedra, Lugo e A Coruña.

A cámara apoiou tamén, por unanimidade, a Iniciativa promovida pola CIG. Porén, a partir dese momento foi paralizada intencionadamente e sen xustificación algunha, segundo puntualiza o secretario xeral, Paulo Carril, “precisamente por aqueles que presentaron  as modificacións introducidas a este tipo de iniciativas lexislativas como forma de garantir e facilitar a participación popular”.

Aparcada dous anos

De feito, e malia contar cun informe xurídico previo favorábel, o grupo parlamentario do PP solicitou non un senón dous novos informes xurídicos ao corpo de letrados/as do Parlamento que, máis unha vez, a consideraron correcta e axustada á lexislación. O último, transcorridos dous anos desde que se iniciara o proceso de recollida de sinaturas, en maio deste mesmo ano, argüíndo que era unha cuestión moi técnica e solicitando a comparecencia de diferentes persoas do sector eléctrico.

Así as cousas compareceron 10 persoas que defenderon posicións diferentes. A maioría das convidadas polo PP consideraron que debía manterse a tarifa única no Estado. A convidada polo PSOE, que era axeitada pero que tería difícil encaixe legal. Das convidadas pola Marea unha defendeu revisar todo o sistema tarifario, pero sen asumir na súa integridade a proposta de tarifa eléctrica galega que figura na ILP. Pola súa banda Fernando Branco, en nome da CIG, por ser promotora da ILP -que foi convidado polo BNG e que defendeu a ILP no seu debate parlamentario- apostou claramente pola tarifa eléctrica galega e avalou todo o seu contido.

Coincidindo coas valoracións da maioría dos seus convidados, e indo mesmo máis alá, o portavoz do PP considerouna inconstitucional, chegando a denominala tarifa “separatista”. Asegurou mesmo que carecemos de competencias para adoptar medidas para afrontar a pobreza enerxética.

Decidir sobre os nosos recursos

Esta é, precisamente, a preocupación da CIG. Que se intente desbotar unha ILP considerada correcta e axustada á lexislación polos servizos xurídicos da cámara pero “inconstitucional” para un PP embarcado nun proceso obsesivo de recentralización do Estado e de usurpación da soberanía do Parlamento de Galiza. “É inadmisíbel que nos digan unha e outra vez que non temos capacidade de decisión política sobre os nosos recursos”, denuncia Paulo Carril. “Temos á fronte da Xunta de Galiza un goberno que agarda polas ordes de Madrid, incapaz de decidir por si propio e moito menos de decidir en beneficio das necesidades do desenvolvemento económico, industrial e social do pobo galego”.

Para o secretario xeral da CIG o intento de deixar sen efecto esta ILP logo de votala a favor en 2016 demostra que “o PP só quería lavar a súa imaxe diante dun electorado que poucos meses despois acudiu ás urnas nas eleccións galegas”. Demostra tamén que “nin lle preocupa que nun país como o noso, produtor de enerxía eléctrica haxa familias que pasan frío; nin lle importa que se articulen medidas que favorezan a nosa economía reducindo os custos enerxéticos e promovendo a creación de emprego”.

Carril conclúe ademais considerando que co seu posicionamento o PP, “non só desvirtua o contido e o espírito da ILP. Tamén ataca a soberanía popular que ten como único medio para achegar propostas de leis ao Parlamento de Galiza os mecanismos previstos para as Iniciativas Lexislativas Populares”.

Volver