A CIG solicita a absolución de Moira Millán, activista mapuche membro do colectivo 'Mulleres Indíxenas polo Bo Vivir'

Pide as institucións arxentinas que paralicen o proceso xudicial e o acoso ás comunidades mapuches

Internacional -

Logo dos graves e lamentábeis acontecementos que sucederon na Arxentina, con toda a represión exercida contra a poboación Mapuche e a desaparición e asasinato de Santiago Maldonado, seguen os capítulos represivos e violentos desde o goberno e as súas institucións contra as comunidades da zona de Esquel.

Neste contexto, a activista Moira Millán, atendendo ao seu rol de weichafe mapuche (garda, defensora), pertencente ao lof (comunidade) Pillán-Mahuiza (Chubut), acompañou a integrantes da comunidade Vuelta del Río ao xulgado federal de Esquel, para esixir o cese dos acosos e reclamar a renuncia do xuíz Guido Otranto, responsábel dos múltiples rexistros realizados sobre a comunidade baixo a desculpa da suposta investigación pola desaparición forzosa e a morte de Maldonado. Estas reivindicacións no xulgado federal foron feitas de xeito totalmente pacífico durante toda a xornada, tal e como rexistraron os medios de comunicación alí presentes.

Uns días despois deste evento, Moira Millán recibiu violentas ameazas de morte por teléfono en un permanente acoso por parte das forzas policiais.

O pasado 26 de xuño, Millán foi notificada por orde do mesmo xuíz, Guido Otranto, como única imputada baixo a figura de “coacción agravada” polos feitos que aconteceron durante o día 20 de setembro de 2017 no xulgado de Esquel. Por esta razón tivo que presentarse o 19 de setembro a declaración indagatoria por un delito “arbitrario” que está penado entre dous e catro anos de prisión.

Frear a persecución aos movementos sociais

Este proceso, así como todos os sucesos que o preceden, non son admisíbeis nunha democracia e lembran, máis ben, o proceder das ditaduras e os réximes autoritarios e fascistas. Tal e como estamos a ver tamén noutras latitudes, como no propio Estado español sen ir máis lonxe, cada vez parece mais baleiro de contido ese discurso do estado de dereito, coa separación de poderes, e co que tanto se lles enche a boca a aqueles e aquelas que queren xustificar a criminalización das ideas e a persecución de calquera movemento crítico e opositor.

Desde a CIG reiteramos todo o noso apoio a Moira Millán e ao movemento de Mulleres Indíxenas polo Bo Vivir e esiximos ás institucións gobernamentais e xudiciais arxentinas que fagan auténtica xustiza, paralizando este proceso e o acoso contra a activista e as comunidades, e depurando responsabilidades con quen os auspiciou e executou.

Volver