A CIG-Servizos dá un paso máis na campaña de mobilizacións para reclamar condicións laborais dignas e salarios xustos para as persoas traballadoras do sector de grandes almacéns e combater e reverter a precariedade que padece o persoal das principais empresas. No marco desta iniciativa que botou a andar o pasado mes de marzo xa se desenvolveron numerosas concentracións por todo o país, que terán continuidade agora coa convocatoria de mobilizacións comarcais para o vindeiro martes 24 de novembro, acompañadas de cinco novas xornadas de folga os días 28 de novembro e 6, 13, 20 e 23 de decembro.
A campaña non se limita ás grandes cadeas de distribución, como Carrefour ou Alcampo, senón que abrangue tamén as empresas auxiliares que prestan servizos para estas compañías e aquelas que, malia contar con convenios propios, reproducen practicamente as condicións do convenio estatal de grandes almacéns, que utilizan como referencia sectorial.
CONCENTRACIÓNS COMARCAIS O 24 DE NOVEMBRO
As mobilizacións desenvolveranse simultaneamente ás 12:00 horas nos seguintes puntos:
- Vigo: C.C. Gran Vía (Baixada ao Castaño, s/n).
- A Coruña: C.C. Marineda (Baños de Arteixo, 43).
- Lugo: C.C. Carrefour (Nacional 6, Km. 501).
- Ferrol: Supercor (Rúa Dolores, 56).
- Vilagarcía: Alcampo (Avda. das Carolinas, s/n).
- Santiago: Alcampo (C.C. Área Central, s/n).
Segundo denuncian dende a central sindical, o sector de grandes almacéns está a experimentar importantes transformacións, especialmente polo avance do comercio electrónico. Porén, as empresas están a utilizar estes cambios para intensificar a precarización das condicións laborais de milleiros de persoas traballadoras en Galiza.
Trátase ademais dun sector altamente feminizado e cunha elevada porcentaxe de contratacións a tempo parcial, no que a conciliación da vida persoal, familiar e laboral resulta especialmente difícil. As quendas partidas, os horarios cambiantes e a obrigatoriedade de traballar domingos e festivos autorizados pola Xunta, sen compensacións adecuadas e mesmo con incumprimentos dos descansos diarios e semanais legalmente establecidos, forman parte da realidade habitual de moitos centros de traballo.
A esta situación súmase a redución continuada dos cadros de persoal. As empresas impoñen sistemas organizativos que incrementan as cargas de traballo, sen cubrir adecuadamente as baixas, vacacións ou licenzas. O resultado son ritmos de traballo cada vez máis elevados, maior presión e unha deterioración constante das condicións laborais.
Esta política empresarial non só afecta á calidade do servizo, senón que ten consecuencias directas sobre a saúde das persoas traballadoras, cun incremento dos problemas músculo-esqueléticos, do estrés e da ansiedade. “E todo isto mentres os salarios continúan sendo de miseria e apenas superan o SMI. Retribucións que non recoñecen a responsabilidade, a polivalencia, a dispoñibilidade nin o esforzo diario do persoal, mentres as grandes compañías continúan acumulando beneficios millonarios”.
Marco galego de comercio
Na CIG-Servizos insisten en que a experiencia dos últimos anos e a comparación coas condicións recollidas nos convenios provinciais de comercio poñen de manifesto que a negociación centralizada en Madrid, en mans das grandes organizacións sindicais estatais, non está a dar resposta ás necesidades específicas das persoas traballadoras galegas. Pola contra, está a contribuír a consolidar condicións laborais e salariais máis precarias.
Así, defenden que Galiza teña capacidade para decidir sobre as condicións laborais do seu comercio. “Non podemos seguir permitindo que as condicións de milleiros de persoas traballadoras se decidan á marxe da nosa realidade económica, social e laboral”.
Principais propostas da CIG para o sector
Para reverter esta situación, a central reclama unha serie de medidas urxentes que permitan dignificar as condicións laborais do sector:
- Máis persoal e xornadas completas: incrementar os cadros de persoal, transformar contratos a tempo parcial en xornadas completas e garantir as contratacións necesarias para acabar coa sobrecarga laboral.
- Horarios estábeis e conciliación real: establecer quendas e horarios previsíbeis, sen modificacións constantes, garantir os descansos diarios e semanais e respectar a voluntariedade do traballo en domingos e festivos.
- Salarios xustos e recoñecemento profesional: incorporar ao novo convenio complementos salariais que recoñezan a responsabilidade, a polivalencia, a dispoñibilidade e o valor real do traballo desenvolvido.
- Un Acordo Marco Galego de Comercio: constituír unha mesa de negociación propia que permita avanzar cara a un marco galego que responda ás necesidades do comercio do país e garanta a defensa da negociación colectiva provincial fronte á centralización estatal.