A CIG-Servizos da Coruña vén de alertar da decisión do Concello de Arteixo de incluír no prego de contratación do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) a aplicación do convenio colectivo de Ocio Educativo e Animación Sociocultural, que non rexe para este servizo e que supón unha grave precarización das condicións laborais das persoas traballadoras.
Dende a central sindical sinalan que o convenio que corresponde aplicar é o de Axuda no Fogar de Galiza, que regula especificamente as condicións laborais das profesionais do sector. “A aplicación dun convenio alleo ao SAF suporía un importante retroceso en dereitos laborais e salariais, algo que non imos permitir”, adianta o secretario comarcal da federación de Servizos da Coruña.
A aplicación dun convenio alleo ao SAF suporía un importante retroceso en dereitos laborais e salariais, algo que non imos permitir
Ao mesmo tempo, na CIG censuran a discriminación que o propio Concello establece entre as distintas zonas nas que se divide o servizo, ao fixar un prezo por hora traballada diferente segundo a zona. “Esta decisión carece de xustificación e supón un trato desigual tanto para as empresas como para as persoas traballadoras, abrindo a porta a desigualdades salariais inaceptables nun mesmo servizo público”.
Por outra banda, a central rexeita tamén “con rotundidade” a “criminalización” que a Concellaría de Servizos Sociais fai do persoal do SAF no propio prego de contratación. Xa que no documento se inclúense referencias a supostas actitudes e comportamentos que non constan como unha problemática real do servizo, “trasladando unha imaxe totalmente inxusta e dando a entender perante a opinión pública que as profesionais do SAF non desempeñan correctamente o seu traballo”.
Neste senso, inciden en que as traballadoras do servizo levan anos demostrando o seu compromiso, profesionalidade e dedicación, prestando un servizo esencial para as persoas dependentes e as súas familias, mesmo en situacións de enorme dificultade. “Resulta absolutamente inaceptable que sexa a propia Administración local quen poña en cuestión o seu labor mediante afirmacións sen fundamento que deterioran a súa imaxe profesional”.
Desprestixio e criminalización
Por todo isto, esixen tanto a rectificación inmediata do convenio colectivo de aplicación, establecendo expresamente o de Axuda no Fogar de Galiza, como a eliminación de calquera discriminación económica entre zonas, garantindo que todas as horas de traballo sexan retribuídas co mesmo importe.
Mais tamén a retirada das referencias que “desprestixian e criminalizan” o persoal do SAF e un recoñecemento público da profesionalidade e do compromiso destas profesionais “porque os servizos públicos de coidados non poden sosterse sobre a precariedade laboral nin sobre o desprestixio das persoas que os fan posibles”.
De xeito que instan o Concello de Arteixo a rectificar e apostar por un modelo que respecte os dereitos laborais e a garantir un servizo público de calidade para toda a veciñanza.