Rexeitan a entrega do 'Vigueses distinguidos' ao dono de Povisa por despedir 80 persoas e precarizar as condicións laborais

Na CIG-Saúde pregúntanse cales son os méritos de José Silveira Cañizares que o fan merecedor desta distinción
Vigo - 27 Mar 2017

A CIG-Saúde de Vigo vén de amosar o seu rexeitamento á entrega do título de 'Vigués dinstinguido' a José Silveira Cañizares, propietario do hospital privado Povisa. Dende a federación lembran que o empresario despediu máis de 80 traballadores/as dende 2009 e precarizou as condicións laborais no hospital viguésm, polo que din non entender cales son os méritos que xustifican esta distinción.

Dende a CIG-Saúde din non entender como é posíbel que se lle faga esta distinción a unha persoa que ten despedido máis de 80 traballadoras/es desde o ano 2009, ademais de reducirlle a xornada a 35 horas a todo o colectivo de auxiliares de hospitalización, limpadoras/es, celadores/as e administrativos/as.

Ademais, lembran que en os salarios do persoal do centro médico permanecen conxelados dende o 2011, ao tempo que ten aumentado a carga de traballo e fixado quendas penosas especialmente no colectivo de auxiliares (TECAES). Tamén subcontratou o servizo de limpeza tras despedimento de 27 limpadoras/es. “En definitiva, esta persoa é responsábel do empeoramento das condicións de traballo, incrementando a precariedade laboral na empresa”.

Ao mesmo tempo, dende a central denuncian que todo isto sucede mentres o consello de administración de Povisa subiuse o salario un 74.91% no ano 2010, un 13.02% en 2012, un 0.37% en 2013 e un 10.75% en 2015, segundo datos do Rexistro Mercantil.

Diante disto, dende a CIG-Saúde pregúntanse que é o que lle debe a veciñanza de Vigo para que se lle conceda tal distinción e consideran que “hipotecar o desenvolvemento da sanidade pública da área sanitaria precarizando as condicións de traballo do seu persoal non debera ser obxecto de ningunha distinción”.