CIG-Saúde rexeita regulación das vacacións e dos cambios de quenda da EOXI de Vigo

“A falta de persoal e a política de contratacións dificultan unha atención sanitaria de calidade”

Vigo -

A federación de Saúde da CIG de Vigo vén de amosar o seu rexeitamento ás instrucións remitidas pola Xerencia da EOXI para regular as vacacións do ano 2018 e os cambios de quenda de traballo ao entender que establece limitacións e recortes no período de vacacións, nas presenzas e nos servizos. Dende a central denuncian que a falta de persoal e a “nefasta” política de contratacións dificultan unha atención sanitaria de calidade.

Na CIG-Saúde consideran que as instrucións afectarán especialmente a determinadas categorías e ao ámbito de Atención Primaria, ao tempo que denuncian que limitan de xeito inxustificado os cambios de quenda, “que non deixa de ser un mecanismo utilizado para poder conciliar a vida laboral e familiar”. 

Denuncian que os cambios son froito dunha situación insostíbel provocada pola política de precariedade laboral da Xunta

Segundo critican, estes cambios son froito dunha situación insostíbel provocada pola actual Administración debido á súa política de precariedade laboral, “que incluso fai perigar o actual sistema público de saúde”.

En concreto, sinalan a falta de profesionais, “xunto cunha nefasta política de contratacións”, como os factores que dificultan a día de hoxe unha prestación sanitaria de calidade; xeran lista de espera na Atención Primaria por falta de cobertura de profesionais, e colapsos nos servizos de urxencias e nos hospitais; incrementan a precariedade laboral, xa que con menos profesionais hai que cubrir máis postos; e precarizan as condicións de traballo do persoal das listas de contratación.

Advirten que esta situación non fará máis que empeorar, especialmente nas categoría que se nutren dalgúns especialistas nos que o número de profesionais en formación é claramente inferior ás necesidades do sistema sanitario público, como pediatría e medicina de familia. “De non tomar medidas urxentes veranse gravemente afectadas as categorías de pediatría -tanto do hospital como de primaria- medicina de familia -en atención ordinaria e nos PAC- médicas/os de urxencias hospitalarias e médicas/os asistenciais do 061”.

Atrasar a idade de xubilación

Ademais, lembran que esta situación de falta de profesionais afecta tamén a enfermaría, “onde xa temos problemas para cubrir as necesidades actuais”. E critican que as únicas medidas adoptadas son as de limitar o dereito de vacacións e de cambios de quenda -“prexudicando tanto ao persoal eventual como ao fixo, sen ofrecer alternativas que favorezan un emprego digno ao persoal do Sergas”- e incrementar a idade de xubilación para atrasar o problema.

“Non atopamos por ningures as medidas que se deberían estar tomando se realmente se quixera facer fronte a esta situación crítica para a sanidade pública, como potenciar as capacidades formativas de profesionais, desde o pregrao, nas facultades, ao postgrao, coa formación de residentes; tamén coa creación de prazas interinas que poderían ser convocadas en oposicións, que terían un efecto chamada de profesionais; ou mellorando as condicións dos postos de traballo na nosa área sanitaria, para conseguir atraer profesionais, no canto do que está a suceder na actualidade, que moitos/as queren marchar”, rematan.

Volver