A CIG-Saúde reitera a necesidade de dotar a área sanitaria do Salnés cunha ambulancia medicalizada

Considera que suporía unha mellora destacábel na asistencia dunha zona que duplica a súa poboación no verán
Vigo - 22 Ago 2016
A CIG-Saúde vén de manifestar que a posta en funcionamento dunha Unidade de Soporte Vital Avanzado do 061 con médico/a, enfermeiro/a e técnicos/as de urxencias e emerxencias “suporía unha mellora destacábel na asistencia sanitaria da área sanitaria do Salnés, tanto para os residentes como para os que visitan a comarca, principalmente durante o verán”.

Na central lembran que a área sanitaria do Salnés dá servizo a máis de 75.958 usuarios/as dos concellos de Vilagarcía (con máis de 37.000 habitantes), Cambados, Vilanova de Arousa, Illa de Arousa, Ribadumia e Catoira. “Superamos os 115.000 usuarios/as se contamos Sanxenxo, O Grove, Meaño e Meis, aínda que no verán esta cifra duplícase”. Así, consideran que se trata dunha poboación máis que suficiente para xustificar a necesidade da ambulancia medicalizada, “segundo todas as recomendacións”.

Ao mesmo tempo, inciden en que co novo vehículo os desprazamentos dende Vilagarcía ás distintas poboacións como Catoira, Vilanova, Cambados ou Ribadumia serían inferiores a 20 minutos, e menos de 30 minutos a Sanxenxo. “Se tomamos como referencia outras áreas asistenciais estariamos a falar duns 120 servizos mensuais, que en época de verán poderían chegar aos 200”. Ademais, a existencia do corredor do Salnés, “co seu historial de accidentes de tráfico”, e os accidentes laborais que se poidan dar no sector industrial da zona como outros dos motivos que xustificarían a decisión de dotar a área desta ambulancia.

“Non esquezamos que o hospital do Salnés non dispón de Unidade de Coidados Intensivos nin de hospitalización de cardioloxía, medulares ou neurociruxía, o que fai que cada ano máis de 500 pacientes, dos 37.000 que chegan ao servizo de urxencias, teñan que ser derivados a outros centros hospitalarios”, indican.

Finalmente, sosteñen que este vehículo é tamén necesario para o Programa Galego de Atención o Infarto Agudo de Miocardio (Progaliam), xa que ao non dispor dunha sala de hemodinámica no hospital do Salnés para realizar a anxioplastia primaria un paciente infartado nesta área -de contar cunha ambulancia medicalizada- reduciría o seu desprazamento ate o centro de referencia en Vigo como mínimo en 20 minutos, “e xa sabemos que nestes casos o tempo é vida”.

De igual xeito no caso dun ictus, xa que unha vez realizada a primeira intervención no hospital do Salnés os pacientes teñen que ser trasladados/as ao Hospital Clínico de Santiago para continuar o tratamento e os coidados posteriores.