A CIG-Saúde reclama medios para paliar a situación de amoreamento nos servizos de urxencias do HULA

Vén de remitir un escrito á xerencia da EOXI
A Coruña - 26 Xan 2016
A Sección Sindical da CIG-Saúde vén de dirixirse ao novo xerente da EOXI para reclamar que adopte medidas eficientes para paliar a situación reiterada de amoreamento que se vive nos servizos de urxencias do Hospital Lucus Augisti. Unha situación que se dá, apuntan, cando hai dúas plantas do hospital pechas nas que non se poden facer ingresos.

A Sección Sindical toma como exemplo a situación acontecida na noite do día 24 no Servizo de Urxencias do HULA, cando, presumibelmente por unha intensa afluencia de usuarios/as quedaron doentes na sala da espera de urxencias, a quen para pasar a noite se lles facilitou unha cama. Algúns destes doentes, explican, non puideron a Observación, xa que se atopaba chea, mentres que outros doentes estaban pendentes de ingreso.

“Os/as doentes atópanse nunha situación de tránsito nunha sala sen intimidade nin comodidade de ningún tipo, debido a que non se lles dá saída cara hospitalización”, alerta Carme Aira, Secretaria Comarcal da CIG-Saúde de Lugo-A Mariña.

Xunto a isto, apunta que no HULA hai dúas plantas completamente pechadas e outra máis que só está dedicada á atención de pacientes cirúrxicos, polo que non se pode dispor deste espazo para facer ingresos ordinarios.

“Non hai ningunha planificación feita para ver de facilitar a adecuada estancia aos doentes, e o máximo que nestes casos se pensa é en cambiarlles pala mañá a cama por unha padiola para que non chamen a atención (tal e como pasou o luns pala mañá). Esta situación é crónica e reiterativa, vén empeorando no tempo e non vemos que se tome con suficiente seriedade como para darlle unha solución”, denuncian no escrito.

Por iso, reclaman á nova xerencia que atende adecuadamente esta problemática e poña solucións de inmediato”por respecto a usuarios/as e traballadores/as”.