A CIG-Saúde reclama máis aparcamentos no Cunqueiro para rematar co caos de tráfico nas horas punta

Denuncia a mala organización dos accesos ao hospital e o afán de negocio do modelo de xestión do PP

Vigo -

A federación de Saúde da CIG vén de reclamar a dotación de máis zonas de aparcamento nos arredores do hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo para rematar co caos de tráfico que se produce nas horas punta. Dende a central denuncian que os problemas de circulación que padecen persoal e pacientes son consecuencia da mala organización dos accesos e do afán de negocio do modelo de xestión escollido polo PP.

A CIG-Saúde volve incidir na necesidade de poñer fin dunha vez á caótica situación que se vive nos accesos ao hospital Álvaro Cunqueiro a causa da escaseza de aparcamentos, xa que as prazas existentes que non son suficientes para facerlle fronte ao volume de tráfico xerado polos/as traballadores/as e usuarios/as nas horas punta.

Segundo critican, a falta de previsión na organización dos accesos e o afán de negocio do modelo escollido polo Partido Popular para facer este hospital público provocan que nas horas de entrada e saída dos profesionais se xeneren colas que chegan até a estrada Clara Campo Amor, dificultando o acceso tanto dos particulares como do transporte público e das ambulancias. “Esta situación repítese a diario sen que nin a actual Xerencia ni a concesionaria sexan capaces de darlle solución, nin plantexando unha nova reordenación do tráfico nin ofrecendo alternativas de aparcamento”, indican.

Así, pregúntanse por que certas zonas da contorna do hospital que foron usadas durante a súa construción seguen pechadas sen ningún uso, mentres que outras están dedicadas a espazos verdes. “Estes espazos ben poderían ser acondicionados como zonas de aparcamento público e gratuíto, incluso cun equilibrio que respectara as zonas verdes excluíndo certas zonas ou combinándoas, evitando así o gasto público que supón que sexa o Concello de Vigo o que teña que acondicionar unha nova zona cando xa hai espazos dispoñíbeis para este fin”, sinalan.

Hospital secuestrado pola concesionaria

Neste senso, entenden que no caso de que esta proposta non prospere e non se ofreza unha explicación ao respecto “quedará demostrado que este hospital está secuestrado por unha concesionaria sobre a que o Sergas non ten ningún tipo de poder e na que só prima o principio de enriquecer aínda máis ás grandes empresas”.

Finalmente, denuncian que nos últimos días foron retirados das proximidades do centro médico todas as faixas que colocaron reclamando unha solución ao problemas de tráfico e aparcamento que se rexistra na zona e anuncian que continuarán a demandar que se lles poña fin de xeito definitivo.

Volver