A CIG-Saúde pregunta ao Sergas polas medidas adoptadas diante da folga convocada en Tecnocom

Insta á dirección a mediar e exixir á empresa que negocie co persoal para evitar o conflito

Compostela -

A federación de Saúde da CIG vén de dirixirse tanto ao Xerente do Servizo Galego de Saúde (Sergas) como a Directora de Recursos Humanos para preguntar polas medidas adoptadas de cara a paliar as posíbeis consecuencias negativas da folga convocada en Tecnocom para o servizo sanitario público. Insta ademais á dirección do departamento autonómico a realizar as xestións necesarias para evitar, na medida do posíbel, a convocatoria do paro.

Lembra que os vindeiros días 1, 2 e 5 de setembro está convocada unha folga na empresa Tecnocom, que é a que fornece o soporte técnico informático en numerosas aplicacións informáticas do Sergas, entre as que se atopan FIDES ou o aplicativo que facilita a dispensación de Sintrom. Convocatoria que se realiza logo da negativa da empresa a negociar coa representación do persoal despois de ter modificado as condicións de traballo unilateralmente.

A CIG-Saúde amosa a súa preocupación polas posíbeis consecuencias que esta folga poida traer para os servizos prestados por esta empresa ao tratarse dun apoio técnico informático inmediato e necesario para o persoal do sistema sanitario, e que repercute directamente no/a usuario/a.

Por iso pregunta que medidas está tomando o Sergas de cara a paliar estas posíbeis consecuencias negativas para o servizo no sistema sanitario público; se desde a dirección do Sergas se puxeron en contacto coa empresa para instala a iniciar a negociación que suspendería a convocatoria de folga e se o Sergas se ten interesado nalgún momento polas condicións laborais do persoal que presta servizos informáticos a través de empresas externas.

Insta ademais á dirección do Sergas a que realice as xestións oportunas para, na medida do posíbel, evitar a convocatoria de folga, ou, no seu caso, paliar as súas consecuencias, dirixíndose á empresa e exixíndolle que asuma as súas responsabilidades e no marco das relacións laborais inicie a negociación que demanda o persoal -co que a CIG-Saúde se solidariza- para evitar o conflito laboral que vería trasladadas ao Sergas consecuencias negativas para o servizo público que presta.

Volver