A CIG-Saúde compareceu este martes en rolda de prensa para informar que non asinará o acordo de intencións e o calendario programado no marco de negociación do Plan de Ordenación dos Recursos Humanos de Atención Primaria. A central puxo en valor as propostas realizadas pola dirección de RH do SERGAS, pero considéraas insuficientes para asinar un documento que só constitúe unha declaración de intencións.
"A CIG-Saúde quere negociar e asinar un acordo de Plan de Ordenación de Recursos Humanos de Atención Primaria que realmente supoña unha resposta á situación actual, que permita mudar o día a día das e dos profesionais, e volver facer atractivo o traballo na Atención Primaria para todas as categorías profesionais que a conforman actualmente e para as que se incorporaren no inmediato futuro", aseverou o secretario nacional da CIG-Saúde, Manuel González Moreira.
Non obstante, Moreira comprometeu a vontade negociadora da central nacionalista para acadar un Plan de Ordenación que consolide un modelo de Atención Primaria "que permita desenvolver o traballo das e dos profesionais e dar a calidade asistencial que a cidadanía nos demanda". No actual contexto de falta de profesionais, indicou, cómpre facer un planeamento das necesidades por un período de, cando menos, cinco anos para valorar como responder a "esta situación de verdadeira crise sanitaria na Atención Primaria".
Un documento de intencións, non de medidas concretas
Explicou que a proposta de acordo presentada na Mesa Sectorial recolle aspectos importantes que melloran os documentos anteriores, dando resposta a moitas das demandas de CIG-Saúde durante o proceso de negociación. Pero a pesares destas melloras "consideramos que non son suficientes e non podemos asinar un acordo de intencións co Servizo Galego de Saúde".
Isto é, asevera González Moreira, porque "esta sinatura podería trasladar a idea equivocada de que damos por resoltos os problemas que están a darse neste momento na Atención Primaria, e non faría máis que xerar máis desilusión e frustración entre as e os profesionais cando vexan no seu día a día que, efectivamente, os seus problemas non están resoltos". Reiterou que se trata dun documento de intencións de negociar pero non é un texto con medidas concretas e reais que melloren as condicións de traballo.
Analizar a realidade de cada centro
Para a CIG-Saúde o Plan de Ordenación debe recoller unha análise da realidade centro a centro: que profesionais hai, que actividades realizan (definidas nas carteiras de servizos), que poboación temos e cantos/as profesionais se necesitan para ofrecer esa carteira de servizos con calidade. E alí onde sexa necesario, elaborar un plan de incorporación de profesionais nun proceso secuenciado.
A este respecto, González Moreira referiu que as dificultades que existenten nestes momentos para atopar determinadas categorías de profesionais (como Medicina de Familia ou Pediatría) derívanse das condicións de traballo precarias e penosas nos centros de saúde. "Os e as estudantes de medicina que rematan as súa formación prefiren facer outras especialidades e polo tanto o Plan de Ordenación ten que achegar calidade a estes postos de traballo para facelos máis atractivos".
En resumen, concluíu Moreira, "hai que planificar, investir cartos e dotar de recursos a Atención Primaria, e crear unhas estruturas de xestión adecuadas. Isto é o que nos comprometemos a negociar e a chegar a acordo co SERGAS, se cumpren estes criterios e logramos un acordo que sexa útil".