A CIG-Saúde mobilizarase no hospital Álvaro Cunqueiro para reclamar solucións á sobrecarga do persoal

A Xerencia convocou unha comisión de centro extraordinaria para intentar desactivar a protesta
Vigo - 12 Xul 2022

A federación de Saúde da CIG de Vigo convoca para este mércores día 13 unha concentración na entrada principal do hospital Álvaro Cunqueiro para reclamar solucións urxentes á sobrecarga laboral que padecen as traballadoras/es da área sanitaria como consecuencia do aumento da carga asistencial e da non cobertura de profesionais. A central solicitou o pasado 6 de xullo unha reunión coa Xerencia para abordar a situación e non obtivo reposta, polo que decidiu promover a mobilización.

Nada máis anunciar a protesta ás 14:00 horas do venres a Xerencia convocou 45 minutos despois unha xuntanza extraordinaria da comisión de centro para hoxe ás 13:30 horas. “Sospeitosamente cítannos nada máis facer pública a concentración, e fixan a reunión un día antes de que se celebre, polo que decidimos mantela”. 

Sospeitosamente cítannos nada máis facer pública a protesta, e fixan a reunión un día antes de que se celebre, polo que imos mantela

Falta de cobertura de ausencias, aprazamento de cirurxías, dobraxe de quendas, urxencias saturadas, pacientes pendentes de ingreso, plantas co persoal insuficiente, centros de saúde sen cobertura e sen reforzo de costa de verán, etc. Estas son as principais problemáticas que ten recollido a central sindical entre o persoal da área sanitaria viguesa, situación que vai camiño de cronificarse.

Ademais, as recentes informacións recollidas polos medios de comunicación sobre a derivación de cirurxías a centros privados “non aportan ningunha tranquilidade para os profesionais, que se atopan nunha situación límite provocada polo cansazo, tanto físico como mental”.

Peche de camas

Porén, a dirección do Sergas en Vigo non aporta información nin solucións, “mentres o día a día convida a pensar que o anunciado peche de camas non vai ser posíbel sen condicionar a asistencia sanitaria e a seguridade coa que as profesionais teñen que desenvolver o seu traballo”.

A CIG aproveitará a comisión de centro para CIG para abordar a situación de déficit de persoal existente que leva a que se estean a denegar sistematicamente todos os permisos, a reducir o ratio de profesionais nos centros e a que nos casos que retribúen as horas faise por debaixo das horas de xornada.