A CIG-Saúde do Barco alerta do desmantelamento progresivo do sistema sanitario de Valdeorras

Denuncia a “situación insostíbel” na que se atopa o servizo de hematoloxía e os problemas de persoal que arrastra o de oftalmoloxía dende principios de ano
Valdeorras - 18 Out 2023

A federación de Saúde da CIG do Barco vén de alertar sobre o abandono e o desmantelamento progresivo do sistema sanitario público do distrito de Valdeorras, exemplificado na “situación insostíbel” na que se atopa o servizo de hematoloxía e os problemas de persoal que arrastra o de oftalmoloxía dende principios de ano.

Dende a central sindical sinalan que o servizo de hematoloxía segue a manterse en condicións precarias, con visitas puntuais de especialistas do CHUO para pasar consulta un día á semana. Ao que hai que engadir “a total falta de previsión” da Xerencia ante os problemas de persoal que arrastra dende principios de ano o servizo de oftalmoloxía, no que un só oftalmólogo está cubrindo a totalidade do traballo do servizo dende hai meses. 

A central esixe a cobertura de todas as ausencias de persoal

“A pasividade e incompetencia na xestión da Xerencia da área sanitaria ourensá queda reflectida na incapacidade para resolver as carencias de persoal destes servizos”, sinalan dende a central sindical.

A maiores censuran a escaseza de persoal da que adoece dende hai tempo o equipo de medicina interna,” e que de momento non ten visos de mellorar”. Por iso consideran que a Xerencia “está a xogar coa saúde dos valdeorreses/as, deixando de forma reiterada servizos sen a asistencia profesional sanitaria adecuada”.

Diante disto esixen a cobertura de todas as ausencias, tanto de persoal médico como do resto de persoal sanitario, en todos os servizos que se están a ver afectados por estes “recortes encubertos”.