A CIG-Saúde denuncia os cambios introducidos no Comité de Ética

O borrador propón o control dos Comités de Ética polas Xerencias e, por extensión, pola Dirección Xeral de Asistencia Sanitaria
Compostela - 13 Xun 2016
O goberno do PP quere publicar un Decreto para regular os Comités de Ética Asistencial en Galiza para convertelos en órganos da administración cando até o de agora eran independentes de calquera organismo institucional. A CIG-Saúde denuncia que estas modificacións foron introducidas sen a consulta previa ás organizacións sindicais e alerta de que isto vai provocar a “desprotección total das e dos doentes e dos seus dereitos”.

Malia non ter recibido o borrador do Decreto, esquecendo así a consellaría de Sanidade o papel das organizacións sindicais no referido a asistencia sanitaria, a CIG-Saúde remitiu igualmente –hoxe mesmo- unha serie de alegacións ao mesmo lembrando que os comités de ética son organismos independentes de calquera órgano institucional.

María Xosé Abuín, secretaria nacional da CIG-Saúde salienta que entre esas alegacións a CIG-Saúde alerta de que do borrador “se desprende unha confusión” no que deben ser os comités de ética e o seu carácter participativo e mediador “en referencia aos dereitos das persoas como núcleo da súa dignidade”.

Abuín afirma que a súa conformación e funcionamento teñen que “afastarse da influencia dos órganos executivos da administración para poder cumprir a súa misión: orientar desde os valores compartidos os conflitos que poidan producirse na actuación asistencial, sexa institucional ou individual”. Entende que por iso “as/os dirixentes das institucións non deben formar parte dos comités de ética”.

Ademais, para a CIG-Saúde, se a pretensión fose mellorar a coordinación entre o comité de ética e a xerencia, “o mellor método sería establecer xuntanzas periódicas e dotalos dos medios necesarios para o seu funcionamento”.

O texto proposto permite, porén, o control dos Comités de Ética polas xerencias e, por extensión, pola Dirección Xeral de Asistencia Sanitaria. Por iso a CIG-Saúde lembra á administración que “existe o dereito individual a formar parte dos comités de ética, que inscriben a súa actividade nese complexo proceso en curso, impulsado na actualidade pola UNESCO, de construción dunha ética compartida baseada nos valores universais expresados na Resolución dos dereitos Humanos de 1984”.

A isto engade que non se recolle axeitadamente, no anteproxecto,  a ineludíbel condición dunha composición paritaria destes organismos.

Funcións

A respecto das funcións, a CIG-Saúde demanda que se recupere a mesma redacción que ten o actual decreto polo que se regula a creación e autorización dos Comités de Ética Asistencial. Entende que coa nova, “parece que se queren limitar as cuestións que puideran asumir os Comités de Ética e deixa fóra a protección dos dereitos das/os doentes”.

Ademais propón tamén recuperar entre as funcións destes comités “asesorar e emitir informes sobre as cuestións éticas relacionadas coa práctica clínica, que se produzan nas institucións sanitarias, co fina de mellorar a asistencia sanitaria”.

Xunto a isto, a CIG-Saúde entende que os directivos non deben formar parte dos CEA, garantir procesos de selección públicos e transparentes e a presenza de persoal non sanitario. Xunto a isto considera que como referencia fundamental das súas funcións debe ter a protección dos dereitos das/os doentes.

Ademais entende que, de ser necesario, os informes serán remitidos á Inspección Sanitaria, quen accederá mediante procedementos específicos e“en ningún caso serán remitidos á Dirección Xeral de Asistencia Sanitaria”, conclúe.