A CIG-Saúde denuncia o incumprimento, unha vez mais, do contrato de servizo de transporte sanitario aéreo do 061

O helicóptero con base en Santiago estará inoperativo do 15 ao 19 de abril
Nacional - 16 Abr 2024

A CIG-Saúde vén de denunciar que o helicóptero medicalizado con base en Santiago H3 está inoperante dende onte luns 15 de abril, ás 13:00 horas, e que non se agarda que volva estar operativo até o venres día 19 deste mes. Aínda que os pregos do servizo establecen que a empresa adxudicataria debe dispor dun aparello de substitución, ELIANCE HELICOPTER GLOBAL SERVICES, S.L.  non vai cumprir está cláusula dos pregos.

A CIG-Saúde sinala, ademais, que está inoperatividade non está causada por un imprevisto senón que se trata dunha intervención programa para a instalación dunha caixa de comunicación que os pregos establecen como obrigatoria.

Esta situación dáse no marco temporal de cambio de contrato do servizo de transporte sanitario urxente aéreo da FPUSG-061. O novo contrato foi formalizado o pasado 18 de marzo 2024, despois de que a primeira licitación quedará deserta e se volvera a licitar o mesmo servizo por 3 millóns mais de euros.

O aparello en cuestión chegou á base de Santiago en febreiro coa intención de  quedar xa para prestar servizo co novo contrato, pero estivo inoperante debido a que non había espazo suficiente no asento do persoal médico. Ademais desta deficiencia,  o aparello presentaba outras  que quedaron pendentes de arranxar, unha delas a instalación de unha caixa de comunicacións. 

Ademais do propio incumprimento do contrato, esta circunstancia supón un prexuízo para os usuarios e usuarias do Servizo Galego de Saúde que quedarán privados deste medio de atención ás emerxencias durante 4 días.

Agardase que o mesmo ocorra co helicóptero con base en Ourense en próximas datas.