A CIG-Saúde denuncia na Inspección de Traballo as altas temperaturas nos centros sanitarios da área da Coruña e Cee

Reclama a adopción de medidas eficaces para rematar de xeito urxente con esta problemática
A Coruña - 13 Xul 2026

A CIG vén de presentar unha denuncia ante a Inspección Provincial de Traballo contra a Xerencia da Área Sanitaria da Coruña e Cee polas graves deficiencias de climatización que obrigan cada verán a profesionais e pacientes a soportar temperaturas inaceptables.

Esta situación afecta, entre outros, ao centro de saúde de Matogrande e a numerosas unidades da zona antiga do Hospital Universitario da Coruña. “A Xerencia coñece o problema desde hai anos polos comunicados de risco, os informes do Servizo de Prevención e as denuncias formuladas no Comité de Seguridade e Saúde, sen que adoptase solucións eficaces”, sinalan dende a central sindical. 

A Xerencia coñece o problema desde hai anos, sen que adoptase solucións eficaces

A CIG tamén sinala que permanecen pechadas unidades climatizadas, mentres os doentes das zonas antigas vense obrigados a acudir ás salas de estar das zonas novas. Esta situación resulta “especialmente grave” ao afectar pacientes vulnerables, moitos deles de idade avanzada ou con patoloxías graves, e obriga o persoal a traballar en condicións incompatibles cun contorno asistencial seguro.

“É inaceptable que no ano 2026 sigamos denunciando a falta de climatización. A Xerencia coñece o problema, pero continúa sen ofrecer solucións definitivas”, lamentan as delegadas e delegados de prevención da CIG-Saúde. Polo que a central sindical reclámalle á autoridade laboral que investigue os feitos e lle requira á Xerencia a adopción inmediata das medidas necesarias para rematar con esta situación, incluíndo a apertura dos espazos climatizados dispoñibles.