Tildan de “demagóxica e insultante” a petición do PP de habilitar un aparcadoiro exterior no Álvaro Cunqueiro

A CIG-Saúde de Vigo propuxéralle ao Sergas que destinase a tal fin os terreos dispoñíbeis na contorna

Vigo -

A federación de Saúde da CIG de Vigo cualificou hoxe de “demagóxica e insultante” a petición feita onte polo PP no Parlamento galego para que o Goberno local habilite para a toda a cidadanía o aparcadoiro que está a construír no exterior do hospital Álvaro Cunqueiro (HAC). Dende a central lembran que no seu día propuxéronlle ao Sergas que destinase a tal fin os terreos dispoñíbeis na contorna, “xa que non tiñan uso definido e non implicaba un gasto como o que agora está a afrontar o Concello”.

A CIG-Saúde de Vigo decidiu saír ao paso da intervención do PP no Parlamento galego solicitándolle ao Concello que habilite o parking do exterior para toda a cidadanía e que urbanice a contorna do hospital Álvaro Cunqueiro.

Consideran que a proposta constitúe un exercicio de demagoxia “enorme e insultante” xa que “no seu día nós solicitámoslle á Xerencia do HAC que utilizara para este fin os terreos xa dispoñíbeis e de titularidade do Sergas, xa que non tiñan uso definido e non implicaba un gasto como o que esta a afrontar o Concello”.

Neste senso, lembran que a resposta foi que o actual aparcadoiro cuberto, dado en concesión pola UTE que xestiona o HAC, dispón de prazas suficientes, “polo que non se facía necesario este novo parking no exterior”.

Volver