A CIG-Saúde de Vigo reclama o uso sanitario do edificio da antiga cafetaría do Xeral

O inmoble quedou fóra das obras da Cidade da Xustiza e está a ser utilizado para almacenar material
Vigo - 09 Feb 2022

A federación de Saúde da CIG de Vigo reclama que o edificio da antiga cafetaría do hospital Xeral teña uso sanitario, unha vez que quedou fóra das obras de construción da Cidade da Xustiza e está a ser utilizado polo Sergas para labores de almacenamento de material.

Na central sindical entenden que este uso actual provoca que se estea a desaproveitar unha gran parte das instalacións, “sen un plan claro sobre o seu futuro”. Por iso demandan que se consolide o uso sanitario do edificio e que non se perdan máis infraestruturas sanitarias na trama urbana de Vigo.

Deste xeito, reclaman que se faga un estudo das posibilidades da instalación para reforzar o papel do centro integral de saúde de Taboada Leal, onde conviven instalacións de Atención Primaria e de Atención Hospitalaria.

Na situación actual, onde quedou claro que as infraestruturas sanitarias da nosa área son insuficientes, non podemos perder a oportunidade de sacar partido dun edificio dese volume e nesa localización”, rematan.