A CIG-Saúde de Vigo denuncia a retirada de carteis solidarios con Palestina por parte do Sergas
A CIG-Saúde de Vigo amosou hoxe o seu rexeitamento público á orde da Xerencia da Área Sanitaria de proceder á retirada de carteis colocados por profesionais sanitarios galegos nos centros de saúde en solidariedade con Palestina e condenando o xenocidio que está a perpetrar Israel.
Dende a central sindical sinalan que a retirada destes carteis por parte da dirección de Atención Primaria está a producir friccións cos profesionais que decidiron mostrar a súa solidariedade mediante esta manifestación pública promovida pola plataforma ‘Sanidade Galega coa Palestina’, que naceu para agrupar a persoas traballadoras do ámbito sanitario que rexeitan o xenocidio contra o pobo palestino.
O que está a acontecer é unha grave agresión á liberdade de expresión
“O que está a acontecer é unha grave agresión á liberdade de expresión, máis cando, alén do xenocidio, estanse a producir bombardeos contra hospitais e ataques contra profesionais sanitarios no desenvolvemento do seu labor, ademais dunha vulneración reiterada dos dereitos humanos”.
Diante disto, esíxenlle á Xerencia da Área Sanitaria de Vigo que dea marcha atrás na súa orde de retirar as expresións solidarias dos profesionais sanitarios, “indicación que, consideramos, vén dada por un posicionamento político contrario ás manifestacións destes profesionais”.