A CIG-Saúde de Vigo denuncia a contratación de persoal médico sen especialidade en Atención Primaria

Remitiulle un escrito á Xerencia da Área Sanitaria reclamando que se opte por profesionais coa titulación esixida para os postos
Vigo - 10 Xul 2026

Nas últimas semanas a CIG-Saúde de Vigo tivo coñecemento de que o SERGAS está a contratar persoal médico sen especialidade en Medicina Familiar e Comunitaria, desta volta nos Puntos de Atención Continuada da Área Sanitaria. Polo que a central sindical remitiulle un escrito á Xerencia, á Dirección de Recursos Humanos e á Dirección Médica trasladando a súa preocupación e solicitando que as persoas que presten asistencia directa a doentes cumpran as esixencias de titulación para os postos.

Dende a CIG-Saúde sinalan que se trata dunha situación de especial gravidade tendo en conta que hai catro meses “xa intentaron a mesma fórmula na atención ordinaria de Atención Primaria, o que levou ao pronunciamento non só desta central sindical senón tamén de profesionais e asociacións científicas”. 

Estas contratacións supoñen un agravio co persoal que ten a formación requirida e supón unha desvalorización da Especialidade de Medicina Familiar e Comunitaria e a precarización das condicións laborais

Neste senso, lembran que desde o ano 1995 o persoal médico ten que cursar unha formación adicional de catro anos tras obter o título, vía MIR, para poder traballar en centros de saúde. “Esta formación específica supón unha capacitación para profesionais que desenvolven traballo neste eido e é fundamental para prestar unha atención de calidade, con aval cientifico-técnico e con seguridade asistencial”.

Ao mesmo tempo, sosteñen que a contratación de persoal sen especialidade supón un agravio co persoal que ten a formación requirida “e mesmo supón unha desvalorización da Especialidade de Medicina Familiar e Comunitaria e a precarización das condicións laborais por parte do SERGAS”. Ademais, a falta de formación específica destes profesionais podería supor un problema de seguridade nos doentes que son atendidos nos distintos centros.

“É importante ter en conta a fuga de profesionais que se producen todos os anos. Para mostra, este ano máis da metade das MIR formadas non quedaron na Área Sanitaria, buscando alternativas noutras Áreas que ofertan mellor contratación. A falta de previsión e recortes durante anos levou a unha situación que se agrava aínda máis pola falta de alternativas e a sobrecarga e a precariedade na Atención Primaria da Área”. En consecuencia, a CIG-Saúde exixe da Xerencia que se reverta esta situación e que se contrate persoal coa titulación exixida para garantir a asistencia “con seguridade e profesionalidade”.