A CIG-Saúde da Mariña denuncia que as obras de ampliación do hospital da Costa atópanse paradas dende a semana pasada

As únicas actuacións foron movementos de terras e a construción parcial dun heliporto

A Mariña -

A federación de Saúde da CIG da Mariña vén de denuncian que a Xunta do PP mantén paralizadas as obras de ampliación do hospital da Costa dende principios da semana pasada. Dende a central sinalan que a pesar dos reiterados anuncios e presentacións a única actuación na zona foi un movemento de terras e a construción parcial dun heliporto.

Dende a central denuncian que como vén sendo habitual en tempo de eleccións “asistimos á enésima posta en escea do que poderiamos denominar a obra por excelencia das campañas do PP na Mariña”. Neste senso, sosteñen que semella difícil atopar “unha farsa máis teatralizada que a da traxicomedia da ampliación do hospital da Costa polo PP”.

Consideran que se trata dunha situación “tráxica” polo abandono que padece a veciñanza da comarca dende a chegada de Feijoó á Xunta en 2009, “cando na festa da faba de Lourenzá prometía a inminente ampliación do centro médidco, na que foi a primeira de moitas promesas incumpridas”.

Neste senso, lembran que logo viría o plan funcional, o anuncio de licitación do plan director, a súa adxudicación, o concurso da elaboración do proxecto, a adxudicación do mesmo e o duplo de anuncios e outras tantas comunicacións en prensa, ao que hai que sumar visitas fulgurantes para por fin inaugurar unha maqueta.

“A comedia continúa cando o pasado luns 1 de maio preséntanse na zona varios conselleiros, a delegada do goberno, alcaldes e demais políticos para inaugurar a 'bombo e platillo' o estudo xeotécnico do aparcadoiro subterráneo”. Neste senso, pregúntanse cal vai ser a empresa encargada de xestionar o servizo, así como o custe final do mesmo para os usuarios/as.

Sete anos de mentiras

Por todo isto, dende a CIG-Saúde sosteñen que o único que hai neste momento son “sete anos de mentiras do PP e un hospital empequenecido, abandonado, con falta de persoal, de camas e con servizos en precario”.

Ao mesmo tempo, amósanse convencidos/as de que o proxecto de ampliación non dará resposta ás necesidades básicas en materia de sanidade da comarca ao non contemplar un aumento significativo do número de camas nin a instalación dunha resonancia magnética fixa. Tampouco aumenta a carteira de servizos médicos a ofertar nin número de quirófanos, como tampouco contempla unha gardería para axudar a conciliar a vida laboral e familiar dos traballadores/as.

“Esta comedia continúa hoxe cando nos atopamos que as únicas actuacións feitas na zona foron movementos de terra e a construción parcial dun heliporto, desaparecendo de súpeto tanto a maquinaría como as persoas encargadas de realizar as obras; se en plena campaña electoral Feijóo paraliza as obras da suposta ampliación, que podemos agardar despois das eleccións do 25 de setembro?”.

Volver