A CIG-Saúde Compostela denuncia o “fracaso” nas urxencias hospitalarias e a “inoperancia de Xestión”

Asegura que a Xerencia non solucionou os problemas 3 meses despois da reunión monográfica
Compostela - 12 Feb 2018

A CIG-Saúde de Compostela denuncia que transcorridos 3 meses desde que se celebrou a reunión monográfica sobre urxencias hospitalarias entre a Dirección de Xestión e as organizacións sindicais, aínda a Xerencia de CHUS non ten resolto o problema. Asegura que a situación de saturación que se vive día a día persiste; que a solución aos problemas non era un “cambio de cromos dos responsábeis do servizo poñendo outros novos” e que esta pasa unicamente por un cambio na política sanitaria.

“Continúase a pór parches nas contratacións do persoal, tanto no propio servizo de urxencias como no ámbito de atención primaria, con retrasos nas citacións para acudir ao médico de cabeceira” aseguran desde a CIG-saúde de Compostela, que entende que a solución non é abrir unidades pechadas “só cando o tema está candente nos medios de comunicación, para despois volver á mesma situación”.

Lembra que as vagas de gripe son cíclicas, que cada ano volven e que volverán nun futuro. Por iso denuncia “as imaxes de enfermos amoreados nos corredores e en espera dunha cama nos diferentes servizos de hospitalización”, imaxes que, advirte, “volverán tamén”, ao igual que “a desesperación do persoal” ante “a pasividade desta Administración e da Xerencia” que, aseguran “persistirá no tempo”.