A CIG rexistra no Parlamento de Galiza unha ILP para rescatar para o público os saltos e aproveitamentos hidroeléctricos

Paulo Carril tilda de “lamentábeis” as declaracións da ministra de Traballo, Magdalena Valerio
Nacional - 12 Nov 2018

A CIG rexistrou esta mañá no Parlamento de Galiza unha Iniciativa Lexislativa Popular de “Medidas para a nova xestión dos saltos e aproveitamentos hidroeléctricos no territorio de Galiza” que ten como obxectivo reverter á xestión pública os saltos e aproveitamentos hidráulicos; a revisión de todas e cada unha das concesións galegas, para ver se están cumprindo as cláusulas establecidas nas mesmas e que, 3 anos antes de que remate unha concesión, a administración inicie xa os trámites administrativos previos para a súa reversión, evitando que regrese ao negocio privado.

Así o explicou o secretario xeral, Paulo Carril, para quen “os poderes públicos e a Xunta de Galiza teñen que xogar un papel fundamental” para “evitar que o oligopolio das eléctricas provoque, como está a ocorrer, peches de empresas; que non se poida utilizar a nosa enerxía para a industrialización e xeración de emprego, nun país tan necesitado como o noso, evitando así que a emigración sexa o noso futuro laboral, e para garantir o benestar social dos galegos e galegas”.

Carril –que rexistrou a ILP xunto con Susana Méndez, secretaria de Organización; Xoán Xosé Bouzas, secretario nacional da CIG-Industria e Fernando Branco, responsábel do sector de Enerxía da CIG-Industria- lembrou que a CIG leva anos presentando iniciativas nesta mesma liña, como a ILP para unha tarifa eléctrica galega ou a máis recente proposta de creación dunha tarifa industrial estábel, con variacións predicíbeis, á que se poidan acoller as empresas electrointensivas, baixo o cumprimento dunha serie de requisitos, que recoñeza o estatus específico deste tipo de industrias grandes consumidoras de enerxía.

Xunto a isto explicou que esta ILP pretende que os saltos e as centrais hidroeléctricas -que son concesións públicas outorgadas a empresas por un máximo de 75 anos, sen ningún tipo de compensación para Galiza, malia o dano ambiental e social que provocan- revertan de novo ao poder público e a Xunta de Galiza, para a explotación deses encoros ben a través dunha empresa pública ou directamente.

Carril entende que deste xeito poderíase “evitar o descontrol provocado pola auténtica mafia coa que operan as eléctricas no establecemento dos prezos” e garantir que “os custos da enerxía revertan no desenvolvemento do noso país, na medida en que o poder público sería quen explotaría esas centrais hidroeléctricas e poría esa electricidade no mercado a un prezo máis competitivo e moito máis social para o conxunto do pobo e para a xeración de emprego no noso país”.

Declaracións “impresentábeis” da Ministra de Traballo, Magdalena Valerio

O secretario xeral da CIG rexeitou tamén as declaracións da Ministra de Traballo, Magdalena Valerio, que cualificou de “impresentábeis”. Denunciou que os traballadores de Alcoa “son vítimas dunha empresa onde, pola negativa desta Ministra a derrogar a reforma laboral, o goberno, que antes tiña potestade de aprobar EREs como este e impedir que se puideran levar adiante, está incapacitado. A consecuencia é que estamos a expensas do que quere Alcoa”.

Por iso asegurou que “non compartimos” as súas palabras. Defendeu que “o aluminio é un sector estratéxico para a economía galega”, ao igual que a enerxía e considerou que malia iso estamos diante dunha “traxedia” como a de Alcoa,  onde hai a “posibilidade de que unha empresa peche porque non ten a garantía de consumo electrointensivo competitivo predicíbel e xusto”.

Fronte a iso lembrou que Alcoa estivo no seu día, como INESPAL, no sector público e afirmou que “na SEPI, sería o lugar axeitado onde esta empresa tería que reincorporarse, se Alcoa persiste na súa idea de pechar”.

Denunciou que, porén, “estamos en vésperas de que se nos aplique a tarifa eléctrica galega ao revés, que por producir, por ter todo o dano medioambiental que significa, por exportar o 40% da nosa enerxía e ser espoliados os nosos recursos, aínda imos ter que pagar por producir a través do suplemento territorial”.

Condena á negativa de Valerio a recibir e a convidar á primeira central sindical en Galiza

O secretario xeral da CIG, Paulo Carril, denunciou ademais que Valerio se reunira en Galiza cunha parte dos sindicatos. “A CIG é a primeira central sindical en Galiza e a nós onte non se nos convidou a esa reunión, polo tanto entendemos tamén condenable que a ministra de traballo, que se está negando a recibir á CIG desde que tomou posesión, veña aquí e tampouco nos reciba”. Unha actitude que considerou “unha ofensa ao conxunto de traballadores  e traballadoras do noso país”.