A CIG rexeita os despedimentos arbitrarios executados por Viraxes nas instalacións deportivas do Castrillón

A Coruña - 14 Nov 2023

A CIG amosa o seu absoluto rexeitamento aos despedimentos arbitrarios executados por Viraxes, que xestiona o complexo deportivo do Castrillón, e reclámalle ao Concello da Coruña que proceda canto antes a licitar o contrato para rematar cos abusos laborais que sofren os traballadores e as traballadoras destas instalacións municipais.

Viraxes -que xestiona o centro do Castrillón dende a súa apertura, mais sen pasar por un proceso de licitación pública-, está incorrendo en incumprimentos reiterados tanto en materia laboral como da lexislación aplicábel, pondo a persoal sen a formación adecuada a realizar tarefas que non lle corresponden.

A isto hai que engadir a política de persecución adoptada contra o persoal mediante despedimentos arbitrarios e inxustificados, a tal punto que nos últimos catro meses xa despediu a catro persoas. Ademais, dáse un trato irrespectuoso cara ao persoal, establecendo un clima de terror e ameazas, para que así non reclamen os seus dereitos nin se atrevan a denunciar as irregularidades no servizo.

A CIG-Servizos lamenta que o Concello da Coruña, coñecedor desta situación, non teña actuado con contundencia contra estas prácticas empresariais e urxelle a sacar de inmediato a licitación das instalacións para garantir o estrito cumprimento da legalidade no relativo ás condicións laborais do persoal, as funcións que poden realizar e o respecto á liberdade sindical. Neste senso, indicar que o persoal chegou a facer xornadas de 13 horas continuadas, non se lle abonaba o plus de nocturnidade e a día de hoxe aínda non cobra o plus de perigorisade malia traballar con produtos altamente tóxicos.