A CIG rexeita o preacordo de convenio colectivo asinado por CCOO e UGT coa patronal das Centrais de Chamadas

Avanza na flexibilidade e provocará unha perda de poder adquisitivo

Nacional -

A CIG manifesta o seu rexeitamento ao preacordo de convenio colectivo asinado o pasado venres, día 31 de marzo, por CCOO, UGT e a patronal das empresas Contact Center (CA).  Un acordo -do que se negaron a dar copia ás centrais sindicais non asinantes e que houbo que solicitar por correo- que provocará para as traballadoras e traballadores perda de poder adquisitivo; non avanza na estabilidade no emprego e dá un maior poder para as empresa en materias tan sensíbeis como os horarios.

Entre as medidas que se venden como un avance está a relativa á conversión en indefinidos dos contratos anteriores ao 18 de xuño de 2010. A este respecto a CIG sinala que está contrastado que nas distintas empresas que operan en Galiza, non hai contratos anteriores a esa data e que xa foron practicamente todos transformados a indefinidos con anterioridade.

Por iso consideran que en realidade “non significa nada” ao igual que o anuncio de que se subirá ao 50% o número de indefinidos en 2019, porque agás nunha empresa en Ourense (Unitono), o número de contratos indefinidos a nivel galego xa está situado no entorno do 65% de media.

Non pon freo á temporalidade

Ademais a CIG denuncia que o preacordo permite un 50% de contratos temporais e a utilización de ETT, polo que non se pon freo á temporalidade.

No relativo ao cambio de empresa de prestación de servizos, a CIG considera que a efectividade da “bolsa de emprego” dependerá da redacción definitiva do texto que se acorde.

Maior flexibilidade

O texto prevé a creación de máis quendas, o que para a central sindical implicará maior flexibilidade a favor das empresas. Ademais isto, xunto ao feito de que se habilite ás empresas para cambiar as quendas do 20% do persoal cunha semana de antelación e que os horarios sexa rotativos, dificultará máis a conciliación.

Porén si que se considera positiva a redución dos días que se poden traballar sen descanso, que pasan de 11 a 8.

Respecto da protección no período de embarazo, para a CIG é insuficiente que a única medida que se contemple sexa aumentar os descansos ao longo da xornada, pasando para as xornadas de 6 a 8 horas a 40 minutos de descanso e naquelas superiores a 8 horas, 1 hora de descanso.

Dereitos sindicais

Respecto dos dereitos sindicais a CIG denuncia que se pactou poder ceder horas sindicais e acumular nunha mesma persoa co obxectivo de liberar en cada empresa. “Entendemos que é unha medida negativa porque nós defendemos un modelo participativo”.

Incrementos salariais

A aplicación deste acordo provocará unha perda de poder adquisitivo inmediata, polo importe dos atrasos do 2016 que dan por perdidos:

 Nivel

Salario actual

Perda en euros

8

15.194

243.1

9

14.662

234.6

10

13.864

221.8

11

13.257

212.1

 

Unha situación que se manterá no tempo xa que para 2017 prevese unha suba salarial do 1.6%, e se o IPC supera esa porcentaxe, o que é previsíbel xa que no mes de marzo foi do 2,3%, suporá unha nova perda de poder adquisitivo.

En canto aos anos 2018 e 2019 a CIG prefire agardar ao redactado final antes de pronunciarse, xa que o texto “nada ten que ver co que expresaron verbalmente na mesa”.

Volver