A CIG rexeita o acordo sobre as 35 horas na Administración Xeral do Estado porque non garante a súa aplicación
A CIG non asinou o acordo sobre a xornada de 35 horas para a Administración Xeral do Estado porque o documento presentado polo Goberno español na Mesa Xeral de Negociación carece de garantías, está aberto á interpretación, non concreta o ámbito de aplicación e non consolida esta xornada como un dereito, ao negarse Función Pública a blindala xuridicamente.
A CIG-Administración lembra que a implantación da xornada semanal de 35 horas é unha reivindicación histórica do movemento sindical “xusta, necesaria e que levamos anos defendendo”, pero que o acordo aprobado este venres cos votos favorábeis de CSIF, UGT e CCOO -e cos votos en contra da CIG e ELA- non transforma “nun dereito real, efectivo e para todo o persoal”.
O primeiro problema, sinalan, radica en que non se concreta o ámbito de aplicación “e pola experiencia, na CIG sabemos que o que non se garante, acaba non aplicándose”. A CIG-Administración apunta que “non queda claro que as 35 horas vaian ser para toda a Administración Xeral do Estado. E aínda que non se recolle expresamente que ningún colectivo quedará fóra, a administración rexeita pronunciarse dun xeito claro e preciso”.
Ao mesmo tempo, Función Pública négase a blindar xuridicamente este dereito, xa que non estará recollido nunha lei, non haberá modificación do EBEP, nin se eliminará a xornada xeral de 37,5 horas. “É dicir, todo queda en mans dunha resolución administrativa e iso significa que o que hoxe se pode aprobar, mañá tamén se pode cambiar”.
A isto engádese outro elemento especialmente preocupante para a CIG, como é a constante referencia ás “adaptacións organizativas necesarias” e á garantía da prestación dos servizos públicos. “Unha fórmula que, levada á práctica, significa que se non se pode aplicar, non se aplica”, advirten. Fronte a esta arbitrariedade, a CIG defende que os dereitos laborais “deben ser garantidos e a organización do traballo debe ser a que se adaptarse a eles”.
Hai que ter en conta tamén que reducir a xornada a 35 horas implica, aproximadamente, un 7% menos de tempo de traballo, polo que cómpre que o acordo recolla medidas concretas. “Neste sentido non se fala de cubrir vacantes, nin de eliminar a taxa de reposición, nin de reforzar os cadros de persoal. Só aparecen referencias vagas á planificación e non é casualidade”, valora a CIG-Administración. De feito, na propia negociación retirouse o punto da Oferta de Emprego Público 2026, polo que parece claro que o Goberno e as centrais asinantes “saben que este acordo non vai acompañado dos medios necesarios para facelo efectivo”.
Ademais, o acordo nin sequera garante unha aplicación igual para todo o persoal, ao manterse unha situación na que parte do persoal continuará con xornadas de 37,5 horas. “E como remate, todo queda aberto, non hai prazos claros, non hai mecanismos de garantía, non hai tampouco consecuencias en caso de incumprimento”.
Neste contexto, a CIG non pode avalar este acordo e seguirá a defender a xornada de 35 horas como un dereito real e garantido para todo o persoal “porque as 35 horas non poden ser unha promesa, nin unha declaración de intencións, nin unha medida condicionada”.