A CIG rexeita e condena o asasinato de Juana Ramírez, fundadora da Rede de Mulleres Ixiles de Guatemala

A activista política e feminista foi pioneira na loita das mulleres indíxenas

Internacional -

O pasado venres, 21 de setembro, asasinaron en Guatemala a Juana Ramírez, activista política e feminista, fundadora da Rede de Mulleres Ixiles e pioneira na loita das mulleres indíxenas. Este crime acontece tan só dous meses despois de que torturaran e asasinaran a outra activista defensora dos dereitos humanos, Juana Raymondu.

Estes asasinatos e o feito de que xa tiveran sobre elas ameazas previas, son unha mostra da preocupante situación que se vive en Guatemala (ao igual que acontece noutros países de latinoamérica), onde a violencia e a impunidade de quen leva a cabo estes crimes, converten os seus gobernos en cómplices inoperantes diante dos atropelos que se veñen cometendo conta algúns movementos sociais e as persoas que os lideran.

Desde a CIG queremos trasladar todo o noso sentir e apoio para as familias e os colectivos dos que formaban parte, animalos a seguir o seu exemplo de loita e facemos unha condena enérxica, non só contra as persoas que cometeron os crimes, senón tamén contra aquelas que os auspiciaron e as que, inhibíndose das súas responsabilidades de goberno, non foron quen de poñer os medios para evitalos e prestarlles a debida protección.

Agardamos que as súas mortes non foran en vano e que, máis pronto que tarde, se cumpran as xustas demandas polas que loitaron polos dereitos das poboacións indíxenas e as mulleres en Guatemala, e noutros países da rexión.

Volver