A CIG rexeita a “deriva privatizadora” do Concello de Vigo, agora co servizo de conserxaría dos colexios públicos

Denuncia que nos case 50 centros que hai na localidade faltan 25 persoas encargadas de abrir e pechar as instalacións e do mantemento
Vigo - 19 Set 2023

A sección sindical da CIG no Concello de Vigo vén de amosar unha vez máis a “deriva privatizadora” do Goberno local, que nesta ocasión optará por cederlle a unha empresa a xestión do servizo de conserxaría. Dende a central denuncian que nos case 50 centros existentes na localidade faltan 25 persoas encargadas de abrir e pechar as instalacións e de realizar labores de mantemento “que poderían ser chamadas da bolsa de emprego de oficiais de instalacións aprobada en xuño”.

Na CIG lamentan que un ano máis moitos colexios públicos quedan sen o persoal municipal que presta os servizos de conserxaría e mantemento de instalacións, xa que o Concello segue a apostar pola destrución de emprego e no canto de cubrir as vacantes ou facer contratacións temporal decidiu elaborar un contrato para a privatización deste servizo. “Isto xa se fixo coa apertura e peche das instalacións deportivas, e sabemos que a intención é tamén privatizar outros servizos como Vigo Zoo, no que o persoal coidador e de mantemento é insuficiente para cubrir as necesidades das instalacións”. 

Isto xa se fixo antes coa apertura e peche das instalacións deportivas, e sabemos que a intención é tamén privatizar outros servizos como Vigo Zoo

Para a central, este proceso de desmantelamento dos servizos e de destrución de emprego público ten que ver coa mala planificación dos recursos humanos, a non execución das ofertas de emprego en tempo ou a transformación de prazas de persoal de oficios en persoal técnico. “A día de hoxe está a comezar a terceira fase da OEP dos anos 2017, 2018 e 2019, mentres seguen pendentes as dos anos 2020, 2021 e 2022 e aínda non se negociou a de 2023, malia que tiña que estar pechada no mes seguinte á aprobación dos orzamentos municipais”. Isto está a provocar unha crecente precarización do emprego, con persoal con peores salarios; “que catro empresas se beneficien”; e sobre todo que os servizos que se ofrecen sexan de peor calidade.

Sen bombeiros suficientes

Como exemplo citan a situación na que se atopan o Servizo de Extinción e Prevención de Incendios e o departamento de Benestar Social, de especial importancia tendo en conta que afectan a seguridade e a protección da cidadanía. “A pesar disto padecen unha gravísima falta de persoal, até o punto de que non contan cos mínimos legais establecidos para unha cidade como Vigo”.

En consecuencia, advirten que por unha banda a cidadanía atópase “nun estado de risco permanente” pola falta de persoal de extinción de incendios; e pola outra, “están convertendo os servizos sociais de Vigo nuns servizos de beneficencia e ignorando a faceta de prevención e axuda que deberan ter xa que non contan con suficiente persoal técnico e administrativo para desenvolver esta labor”.

Por iso a sección sindical da CIG no Concello de Vigo que quere alzar a voz e denunciar” por enésima vez” esta situación, ademais de trasladarlle todo o seu apoio ás reivindicacións da Federación de Olívica de Asociacións de Nais e Pais (FOANPAS), que onte iniciou mobilizacións para opoñerse á privatización do servizo de conserxaría dos centros educativos.