A CIG revalida a súa posición como primeira forza sindical na comarca de Vigo

A central obtivo un total de 1175 delegados/as e acada unha representatividade do 31,96%

Vigo -

A CIG vén de revalidar a súa posición como primeira forza sindical da comarca de Vigo. A central obtivo un total de 1175 delegados/as e acada unha representatividade do 31,96% unha vez finalizado o período concentrado de elección sindicais o pasado 31 de decembro. O sindicato nacionalista, que considera os datos significativamente positivos, continúa a ser o principal referente para a clase traballadora na maior parte dos sectores, mentres que tamén é a primeira forza sindical nas catro Unións Locais: Vigo, O Morrazo, Porriño e Baixo Miño.

Os datos obtidos pola Unión Comarcal de Vigo no último período concentrado de eleccións sindicais (2012-2015) foron presentados esta mañá en rolda de prensa polos secretarios Comarcal e de Organización, Alberto Gonçalves e Anxo Igrexas, e pola responsábel de Eleccións Sindicais da executiva comarcal, Raquel Pérez.

Os dirixentes sindicais salientaron o feito de que unha vez máis a central foi escollida pola clase traballadora da área viguesa como o seu principal referente, acadando 1175 delegados/as e unha representación do 31,96%. A nivel sectorial, a CIG tamén é primeira forza no conxunto da Unión Comarcal (Vigo, O Morrazo, Porriño e Baixo Miño) en Servizos (36,14%), Industria (34,27), Construción e Madeira (37,43%), Banca e Aforro (31,56%) e Administración pública (34,34%).

Na Saúde (19,57%) e na FGAMT (28,55%) a central continúa como segunda forza, mentres que ocupa a terceira posición a nivel formal no Ensino (14,83%), mais este dato non se axusta á realidade pois hai un número significativo de representantes sindicais do sector que computan na comarca de Pontevedra.

Por Unións Locais, a CIG tamén é primeira forza sindical nas catro existentes: Vigo (30,57%), O Morrazo (33,60%), Porriño (34,59%) e Baixo Miño (57,50%). En cada unha delas é tamén o sindicato maioritario na meirande parte dos sectores.

Todo en contra

Durante a comparecencia diante da prensa os representantes da CIG-Vigo cualificaron estes resultados de significativamente positivos malia terse producido un lixeiro retroceso porcentual con respecto ao período anterior, xa que se desenvolveron no marco do cuadrienio máis duro da vixente crise económica. A desaparición de empresas e a crítica situación que atravesan sectores como a construción ou o naval (onde a CIG era predominante) malia provocar loxicamente un descenso no número de representantes, non alterou o apoio maioritario cara á central.

Outra das cuestións sobre a que fixeron fincapé na rolda de prensa foi o feito de que a CIG acadou este resultados a pesar de ter todo en contra, xa que o empresariado non cesou na presión, ameazas e represalias para evitar que a central obtivese representación. Tamén influíron as prácticas sindicais doutras centrais que se valen da hostilidade patronal cara ao sindicalismo nacionalista e de clase para aumentar a súa representatividade, incorrendo mesmo en formas de pactismo que ameazan a independencia da representación sindical.

Tamén incidiron na vixencia do modelo sindical nacionalista e de clase que representa a CIG e que se caracteriza polo asamblearismo e a combatividade e apostaron por continuar na liña da confrontación fronte aos modelos de pacto e concertación que caracteriza a outras centrais. “Temos que continuar coas mobilizacións para denunciar a paralización da negociación colectiva e para reclamar a derrogación das reformas laborais, e non descartamos incluso a convocatoria dunha folga xeral na comarca”.

Finalmente, explicaron que un dos principais retos que enfronta a CIG nos vindeiros meses é a defensa dos convenios colectivos provinciais “que CCOO e UGT están a desfacer asinando despois nas empresas onde teñen maioría acordos en peores condicións”.

Volver