A CIG revalida a maioría absoluta no comité de Maderas Iglesias

Logrou 5 dos 9 representante que se escollían na empresa do Porriño
O Porriño - 19 Nov 2019

A federación de Construción da CIG revalidou a maioría absoluta no comité de empresa de Maderas Iglesias, compañía con sede no Poriño que se dedica á fabricación de tarima flotante, ao lograr 5 dos 9 representantes que se escollían no comité.

A central logrou 58 votos nas eleccións sindicais que se veñen de celebrar na compañía, mentres que UGT sumou 33 (3 delegados/as) e CCOO 18 (1 delegado/a). No proceso participaron 114 traballadores/as dun total de 154. Na anterior convocatoria, na que se escollían 13 representantes, a CIG sumara 7, conseguindo unha maioría absoluta que foi quen de manter agora. 

A central sumou 58 dos 114 votos emitidos no proceso electoral

Dende a CIG-Construción salientan a importancia dun resultado tan positivo tendo en conta a delicada situación económica que atravesa a compañía e a enorme conflitividade que se viviu nos últimos tempos.

De feito, foi a central a que liderou as mobilizacións para rexeitar os sucesivos ERE presentados pola dirección e en defensa dos postos de traballo.

Finalmente, agradecen a confianza depositada na candidatura da CIG e adiantan a súa intención de continuar a defender os dereitos laborais do conxunto do cadro de persoal e a demandar a continuidade do proxecto empresarial e de todos os empregos.