A CIG esixe a fin do acoso do Concello da Bola cara usuarios e persoal da residencia de maiores

A petición da CIG, a subdelegación paraliza de xeito temporal calquera tentativa de desaloxo

Ourense -

A Unión Comarcal da CIG de Ourense denuncia que traballadores/as e usuarios están ser os grandes prexudicados polo conflito que o goberno municipal da Bola, coa alcaldesa á súa cabeza, mantén coa a empresa xestora da residencia municipal da terceira idade. Esixe a inmediata intervención da Xunta e lembra que o xulgado desestimou a petición do Concello para expulsar residentes e persoal como medida cautelar. Este venres 28 a central logrou, ademais, que a subdelegación paralice calquera tentativa de desaloxo até o luns, momento en que manterá unha xuntanza coa representación do Goberno en Ourense.

A CIG de Ourense, por boca do seu secretario comarcal, Anxo Pérez Carballo, cuestiona a legalidade e métodos utilizados pola rexedora Teresa Barge (PP) na xestión do conflito que mantén coa empresa adxudicataria da residencia da terceira idade da Bola, situada en Podentes.

Denuncia que os anciáns ingresados no centro, así como o persoal de Carbatari S.L., son as vítimas dunha actuación “case violenta” que está a xerar situacións de tensión interna.

En concreto, sinalan que a alcaldesa e afíns entraron en varias ocasións pola forza no centro, berrando durante o horario de descanso ou mesmo de madrugada, alterando o benestar dos ususarios/as. Así mesmo, tentaron impedir a entrada do persoal “plantándose diante da porta”.

Por se isto fose pouco, destinou persoal externo para tentar suplir as funcións dos traballadores/as habituais sen coñecer as pautas de coidados dos maiores, xerando situacións de risco para a súa saúde.

Alén disto, Teresa Barge solicitou ás familias a retirada urxente dos internos/as, ofrecéndolles praza na residencia de Montederramo. Como último capítulo, e ante o fracaso da campaña de descrédito, lanzou acusacións alarmistas sobre o supostos estado ruinoso do edificio.

Campaña alarmista e necesidade de intervención da Xunta

Fronte a versión alarmista da alcaldesa, a central indica que a Residencia superou con éxito as inspeccións de Sanidade e Traballo e que os familiares dos 24 usuarios/as actuais manifestan a súa satisfacción coa atención recibida. Lembran, ademais, que o xulgado do contencioso-administrativo número 1 de Ourense desestimou adoitar medidas cautelares para expulsar residentes e persoal, como pretendía o Concello.

Por outra banda, e segundo sinalan, o tratamento dado ao persoal conculca o dereito de subrogación recoñecido por convenio colectivo, que protexe o seu posto de traballo e as súas condicións laborais no caso de cambio de titularidade da concesión.

Por todo isto, desde a CIG de Ourense esixen a intervención inmediata da Xunta para evitar que esta situación de “maltrato” derivada da “actuación inhumana e irresponsábel” da alcaldesa se prolongue no tempo. Neste sentido, anuncian que van solicitar unha entrevista coa delegada da administración autonómica en Ourense, sen descartar a toma de accións legais.

[ACTUALIZACIÓN DO VENRES 28] A CIG logrou que a subdelegación do Goberno en Ourense paralizase calquera tentativa de desaloxo do centro por parte do Concello da Bola até cando menos este luns 1 de outubro, momento en que se producirá unha xuntanza entre ambas entidades.

Volver