A CIG reivindicou neste 10 de Marzo traballo digno e unha Galiza con dereitos
Baixo o lema 'Contra a precariedade e a desigualdade, na Galiza traballo digno, pobo con dereitos', a CIG mobilizouse este 10 de Marzo en 14 localidades para lembrar as loitas do ano 1972, durante as que foron asasinados en Ferrol pola policía franquista os traballadores da antiga Bazán, Amador Rei e Daniel Niebla.
Unhas mobilizacións que foron o xerme do sindicalismo nacionalista galego que hoxe representa a CIG e por iso, no Día da Clase Obreira Galega, a central quixo facer unha xornada de reivindicación por todo o país “porque esta é á maneira de manter vivas e vixentes as loitas do ano 72 pola liberdade, por salarios e condicións laborais xustas e por defender a negociación colectiva en Galiza”.
Esta é á maneira de manter vivas e vixentes as loitas do ano 72 pola liberdade, por salarios e condicións laborais xustas e por defender a negociación colectiva en Galiza
Durante a tradicional ofrenda floral ao pé do monumento ao 10 de Marzo, o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, destacou que “a conmemoración non pode quedar reducida a un acto institucional estéril e limitado a Ferrol”.
Denunciou que a clase traballadora galega sufre precariedade, baixos salarios e un modelo socioeconómico neoliberal “imposto a través das sucesivas reformas laborais”. Referiuse Carril tanto a reforma de 2012 aprobada polo Goberno de Mariano Rajoy como a aprobada en 2021 polo actual Goberno, “xa que non derrogou a do PP, senón que facilita normalizar a precariedade e a pobreza laboral que se manifesta na contratación fixa-descontinua e a tempo parcial”.
A mobilización é a ferramenta que permite avanzar e conquistar dereitos “e facer realidade o lema deste 10 de Marzo: traballo digno na Galiza e sermos un pobo con dereitos”. Rexeitou Carril as políticas destrutivas do Goberno do PP na Xunta e as políticas erráticas do Goberno español con medidas inxustas e neoliberais “que facilitan o caldo de cultivo para que o fascismo e a ultradereita avancen”.
Apelou á loita obreira como camiño para mudar esta realidade, forzar a un cambio das políticas dos gobernos e enfrontar os ataques da patronal. “Está demostrado que a loita e a mobilización dan resultado”, aseverou, pondo o exemplo “da capacidade da unión do pobo galego para facer fronte á Altri”.
Mobilización contra a ofensiva imperialista e a carestía da vida
Carril denunciou a “brutal ofensiva imperialista” e subliñou que o ataque dos EUA e Israel non é illado, senón que dá nun “proceso do capital querer seguir mantendo a hexemonía mundial e as condicións de explotación, pobreza e sometemento aos pobos e estados”. Animou a participar nas mobilizacións que convoque a Plataforma Galiza pola Paz “contra esta barbarie”, a fin das guerras e a OTAN, na defensa do dereito internacional e da paz.
Neste contexto, advertiu do medre da carestía da vida que dificulta o acceso a bens e servizos básicos como a vivenda, a enerxía ou a alimentación. “Se nos parecía que a inflación tocara límite coa guerra de Ucraína naquela explosión dos prezos que tanta devastación social esta a causar, agora vemos como o custe da vida volve subir a consecuencia da agresión imperialista dos EUA e Israel sobre Irán”.
Ante esta perspectiva, reclamoulle aos Gobernos español e galego “máis preocupación por aprobar de inmediato un plan de choque para enfrontar as consecuencias económicas e sociais desta guerra, que por intentar aumentar e xustificar en cada oportunidade que teñen un incremento dos gastos militares”.