A CIG reitera o seu compromiso na defensa das liberdades civís e políticas

Exixe garantías para o pleno exercicio das liberdades de reunión, asociación e manifestación de todos os galegos e galegas

Compostela -

A CIG manifesta a súa solidariedade con Causa Galiza, organización independentista que foi suspendida de actividade durante dous anos, o que na práctica equivale á súa ilegalización, e reitera o seu compromiso coa defensa dos dereitos civís e políticos e contra da persecución ideolóxica do independentismo.

A CIG manifesta tamén a súa solidariedade coas nove persoas detidas o pasado 30 de outubro no decurso da operación Jaro, concibida como un espectáculo mediático. Nove independentistas galegos/as que posteriormente foron acusados/as dos delitos de “integración en banda armada” e “enaltecemento do terrorismo” e que teñen un proceso penal aberto na Audiencia Nacional, un tribunal de excepción moi activo na persecución de organizacións e persoas que defenden a soberanía das diferente nacións do estado.

Para a central sindical este é un novo caso de represión que ten unha clara intencionalidade política, xa que so pretexto da “loita contra o terrorismo” busca criminalizar e deixar fóra da legalidade o independentismo organizado.

A CIG considera que esta actuación cómpre enmarcala no retroceso xeralizado dos dereitos e liberdades civís e políticas practicado polo goberno español, que impuxo para iso a Lei Mordaza e que aplica de forma sistemática sancións penais e administrativas, co obxectivo de reprimir a protesta e á mobilización social,  limitando gravemente dereitos fundamentais.

Fronte a isto a CIG exixe garantías para o pleno exercicio das liberdades de reunión, asociación e manifestación de todos os galegos e galegas, o levantamento da suspensión das actividades a Causa Galiza e a retirada das graves imputacións penais ás que están sometidas as nove persoas detidas.

Volver