A CIG recorre as bases dunha praza de técnica/o superior para a Residencia de Maiores de Sarria

Entende que vai dirixida a ser ocupada "por unha persoa concreta"
Sarria - 05 Mar 2018

A CIG de Lugo-A Mariña vén de presentar recurso de reposición contra as bases para o acceso a unha praza de técnico/a superior de integración social para persoas dependentes e o servizo á comunidade para a Residencia de Sarria, por entender que dita convocatoria "corresponde realmente a unha convocatoria encuberta do posto de dirección da Residencia e dirixida  a que sexa ocupada por unha persoa concreta".

Así, explican, esta praza convócase xustamente despois de que á persoa que desempeñou a praza de directora da Residencia se lle rescindira o seu contrato por cumprir dous anos de antigüidade, tempo máximo para estar traballando na administración de xeito temporal. "Resulta curioso que esa persoa teña xustamente a única titulación que se require nas bases para a praza que se convoca", advirte o secretario de Organización da CIG de Lugo, Lois Neto.

Igualmente, as funcións que se requiren nas bases superan con moito as propias dun/ha técnico de integración social, posto que son funcións propias de persoal de dirección e de administración.

Tamén resulta "altamente rechamante" que a praza se convoque en base a un informe de Secretaría, que "á súa vez  foi emitido despois dun informe presentado desde a dirección da Residencia, ostentando naquel momento a dirección da mesma unha persoa que posúe a única titulación que se require nas bases, o cal representa un feito altamente grave en calidade democrática", engade Neto.

Vía do contencioso-administrativo

Dende a CIG denúnciase tamén que reducir o ámbito da convocatoria da praza ás persoas coa titulación de técnico de integración social supón "unha clara manobra para reducir o número de persoas que se poidan presentar a dita praza", e que violenta os dereitos de persoas que teñan titulacións similares ou superiores a presentarse á convocatoria, "incluso de persoas con titulacións con contido académicos máis acordes ás funcións que se establecen nas bases, o cal supón unha situación que choca frontalmente cos principios de igualdade, mérito e capacidade que deben de cumprirse na contratación pública".

A CIG de Lugo-A Mariña considera que estamos ante un claro caso de praza deseñada “ad-hoc” para unha determinada persoa, "o que entendemos que é unha práctica absolutamente impropia dunha administración pública, polo que de non prosperar o noso recurso de reposición acudiremos á vía contencioso-administrativa".