A CIG-Administración Autonómica vén de instar á Dirección Xeral de Emprego Público a constituír e convocar a Comisión Paritaria de Formación para o Sector da Autonómica e a garantir a negociación efectiva da formación antes de que os plan anual 2027 sexa aprobado polo Consello Reitor da EGAP; así como antes da aprobación dos restantes plans específicos de formación do sector.
A formación non pode decidirse unilateralmente. O artigo 37.1.f do Estatuto básico do persoal empregado público e o artigo 153.1.f da Lei do emprego público de Galiza obrigan a negociar os criterios xerais dos plans e fondos de formación, incluídas as necesidades, prioridades, recursos, colectivos destinatarios, condicións de acceso, seguimento e avaliación.
Porén, a EGAP presenta os seus programas anuais ao Consello Reitor sen unha negociación colectiva previa que permita ao persoal participar na definición das súas propias necesidades formativas. A aprobación formal por este órgano non substitúe a Mesa Xeral nin converte en negociado un plan previamente elaborado pola Dirección da Escola.
A Xunta creou en 2014 a Comisión Paritaria de Formación Local, integrada pola Administración, a Fegamp e as organizacións sindicais máis representativas. Este órgano continúa aprobando e supervisando os plans financiados para o persoal das entidades locais. En cambio, Emprego Público non identifica nin acredita unha comisión equivalente e operativa para o persoal da Administración autonómica.
O sindicato reclama que se constitúa e convoque a Comisión Paritaria de Formación para a Autonómica, destinada ao persoal da Administración xeral e das entidades públicas instrumentais. Se Emprego Público afirma que xa existe, deberá acreditalo documentalmente, convocala e dar conta da súa actividade.
A CIG-Administración Autonómica esixe, tamén, información completa sobre os fondos, custos, solicitudes, persoas solicitantes, prazas, admisións, exclusións, listas de agarda e demanda non atendida, con datos desagregados por actividade, territorio, colectivo e sexo. Sen esta información non é posíbel avaliar se a oferta responde ás necesidades reais nin coñecer o desfase entre a demanda e as prazas dispoñíbeis.
Os plans incluídos no Acordo de formación para o emprego das administracións públicas deben seguir o procedemento específico de negociación e aprobación previsto nel. Para abranguer tamén a formación financiada con fondos propios, a CIG-Administración Autonómica propón crear un órgano técnico paritario na Mesa Xeral ou establecer un procedemento periódico de negociación e seguimento.
A formación é un dereito do persoal e unha ferramenta para mellorar os servizos públicos. Non pode seguir planificándose por inercia, de costas ás necesidades reais e contando sempre co mesmo círculo de persoas colaboradoras.