A CIG reclama que se avalíe o cumprimento efectivo da Carta Social Europea no Estado español

Nacional - 06 Xul 2026

A CIG presentou as súas observacións ao informe elaborado polo Goberno español sobre a aplicación da Carta Social Europea, no que solicita do Comité Europeo de Dereitos Sociais que valore o cumprimento das obrigas asumidas polo Estado a partir da situación real que viven as persoas traballadoras e non unicamente pola existencia de leis, plans ou campañas institucionais.

O exercicio práctico dos dereitos laborais no Estado español segue limitado por factores estruturais: subcontratación, precariedade, baixa densidade sindical en determinados sectores, feble aplicación da normativa nas pequenas empresas, segregación de xénero, traballo en plataformas, exceso de tempo de traballo, insuficiente control dos riscos piscosociais e un modelo institucional de diálogo social que non reflicte adecuadamente o pluralismo, especialmente en nacións como Galiza. 

A central considera que os dereitos laborais e sociais recoñecidos na Carta Social Europea non se están a garantir de maneira efectiva nos centros de traballo

A CIG advirte de que persisten importantes déficits na aplicación práctica da CSE, especialmente en ámbitos como a prevención de riscos laborais, a xornada e o tempo de traballo, a igualdade retributiva, a liberdade sindical, a negociación colectiva ou o exercicio do dereito de folga.

Por iso, a central considera que o informe do Goberno ofrece unha descrición ampla do marco normativo vixente, pero non acredita que os dereitos laborais e sociais recoñecidos na Carta Social Europea se estean garantindo de maneira efectiva nos centros de traballo.

Nas súas observacións, a CIG apunta á concentración excesiva de horas, á inexistencia unha regla legal xeral para a gardas e dispoñibilidade inactiva, ás elevadas cifras de sinistralidade laboral, ás debilidades na prevención dos riscos no traballo doméstico, así como ás dificultades de aplicación das normas nas plataformas dixitais.

Exemplo disto último é o caso de Glovo, que seguiu mantendo durante anos un modelo de traballo autónomo, polo que cómpre abordar, entre outras cuestións, se as sancións son suficientemente disuasorias ou se as persoas traballadoras son regularizadas efectivamente.

A CIG incide tamén na persistencia da fenda salarial malia terse reducido, non só pola desigualdade salarial polo mesmo traballo, senón tamén pola infravaloración dos traballos feminizados e chama a atención, entre outras cuestións, sobre as debilidades da negociación colectiva

O sindicato reclama que a avaliación do Comité teña en conta a situación das persoas traballadoras máis vulnerábeis e a realidade de sectores especialmente afectados pola precariedade, a subcontratación, a temporalidade e a fragmentación produtiva.

No ámbito dos dereitos colectivos, a CIG denuncia que o actual modelo de diálogo social tripartito non garante un verdadeiro pluralismo sindical e reclama que o Comité inste o Goberno español a explicar como asegura a participación efectiva dos sindicatos máis representativos de ámbito nacional, como a CIG en Galiza, nas decisións que afectan ás condicións laborais.

Reclamación polo SMI

Doutra banda, hai que lembrar que está pendente de resolución por parte do Comité Europeo de Dereitos Sociais a reclamación colectiva presentada pola CIG contra o Estado español polo reiterado incumprimento da Carta Social Europea, no relativo á contía do Salario Mínimo Interprofesional.

A CSE estabelece que o SMI debe estar cando menos no 60% do salario medio para poder garantir unha vida digna, pero decreto tras decreto, o Goberno español fixa unha contía inferior. Cumprir con esta recomendación elevaría o importe do SMI para este ano 2026 até os 1.374,74€ ao mes -ou 19.246,80€ brutos anuais-, polo que esta foi a proposta que a CIG trasladou ao Ministerio de Traballo no trámite de consultas que está obrigado a realizar.

Porén, un ano máis, o Ministerio ignorou as consideracións da CIG, vulnerando ademais o seu dereito de participación institucional ao non permitírselle participar desta negociación.