A CIG reclama nos Orzamentos de 2026 medidas para garantir unha Galiza con dereitos, traballo digno e igualdade
A CIG presentou esta mañá a campaña coa que, baixo o lema “Por unha Galiza con dereitos, traballo digno e igualdade”, demanda actuacións urxentes que entende que deberan estar contempladas nos Orzamentos da Xunta de Galiza para 2026. Unha campaña a carón da que se desenvolverán asembleas e mobilizacións diante das sedes da Xunta, o 7 de outubro e que culminará cunha manifestación nacional de delegados/as en Compostela, o 10 de decembro.
Foi o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, quen debullou a campaña que pivota sobre 6 grandes actuacións urxentes, logo de analizar a situación actual, na que salientou como a vaga de lumes sufrida en Galiza en agosto, foi a “proba extremadamente tráxica das consecuencias fatais das políticas do Goberno galego co noso monte, co noso rural pero, en xeral, con todo o noso país”.
Criticou o “seguidismo cego” de Rueda ás estratexias “ultradereitistas” de Madrid e rexeitou o seu proxecto de “explotación colonial” que “mantén a dependencia económica e política de Galiza ao sistema español, negándose a tomar ningunha medida que permita un desenvolvemento galego propio co que frear o aumento do empobrecemento e as desigualdades das clases populares, ou a desertización social e industrial de moitas comarcas”.
Carril acusou ao Goberno do PP na Xunta de aplicar unha “política letal para a sociedade galega” por facer que “todo o público se poña a disposición do negocio e da rendibilidade do capital e dos fondos de investimento, impoñendo un modelo brutal que fomenta o turismo desordenado e descontrolado, á eucaliptización do país e mentres agonizan importantes sectores produtivos e se afonda nun modelo que consolida a histórica xeración de graves desequilibrios territoriais, sociais e ambientais”.
Creación de traballo digno
A primeira medida que propón a central sindical é pois a aprobación dun Plan galego de creación de traballo digno e industrialización, facendo real unha transición enerxética xusta. Unha verdadeira política industrial pública que complete os ciclos produtivos no propio país; coa creación dun Banco Público Galego e cunha aposta decidida por un traballo digno e con dereitos, garantindo ademais na FP dual e nos contratos formativos a obriga de contrato laboral e unha retribución polo tempo de traballo, que será do 100% da fixada no convenio correspondente.
Carril apuntou tamén que se reclama “recuperar, ampliar e fortalecer os servizos públicos, que prioricen o benestar colectivo fronte aos intereses do capital”, nomeadamente a sanidade e o ensino públicos, ademais de rescatar para a xestión directa os servizos públicos privatizados e garantir a recuperación dos dereitos arrebatados ao persoal das administracións públicas. A este respecto fixo especial fincapé na necesidade de que a Xunta de Galiza non subscriba Convenio coas Mutuas para a xestión de determinadas patoloxías, porque favorece a descapitalización do público en favor das empresas privadas.
Paulo Carril concluíu demandando a “apertura dun proceso que supere o actual Estatuto de Autonomía para que se recoñezan os dereitos nacionais de Galiza”. Neste sentido considerou que “temos dereito a un desenvolvemento galego propio, a decidir sobre o noso modelo económico e social, dispor dun marco galego de relacións laborais” e que o Parlamento galego “debe ter plenas competencias e de xestión en todas as materias e áreas. Isto ademais da necesidade de dispoñer dun sistema de financiamento propio, “cun réxime de concerto económico” co Estado e dunha “profunda e xusta reforma fiscal”.
Plan Galego de Igualdade
Pola súa banda Margarida Corral, Secretaria das Mulleres e Igualdade da CIG apuntou tamén, entre as actuacións urxentes que deberan estar contempladas nos orzamentos 2026, un plan galego pola igualdade; un sistema público galego de servizos de atención ás persoas e a creación dun parque de vivendas dignas públicas e dun Banco Galego de vivenda para aluguer social, xunto coa prohibición dos desafiuzamentos.
Respecto do Plan Galego de Igualdade demandou que se rache coa actual dinámica do goberno do PP na Xunta e que na súa elaboración participen todos os axentes sociais e políticos, garantindo “o investimento público e a dotación de persoal necesaria para atender a problemática da violencia contra as mulleres, comezando por darlle o peso político que merece”.
Neste sentido denunciou a reorganización do organigrama da Xunta en materia de loita contra a violencia machista que, dixo, “non foi casual”. Así denunciou a supresión da Secretaría Xeral da Igualdade, “reducíndoa a unha dirección xeral -só de Promoción-, desvinculando a Violencia de Xénero da Promoción da Igualdade e poñendo á fronte un home, abordando a violencia desde unha perspectiva técnica e xurídica, non integral e orixinando que en xuño do pasado ano a CIG, xunto con outros 41 colectivos feministas galegos instaran á Valedora do Pobo a que interviñese”.
Villares e González Cañón
Corral fixo ademais referencia aos casos de Alfonso Villares, exconselleiro do Mar da Xunta de Galiza, imputado por un delito de agresión sexual, ou de Matías González Cañón, candidato do PP na Illa de Arousa, condenado por violencia de xénero contra a súa exparella. Casos que “demostran que desde o goberno do PP na Xunta de Galiza, defenden e perdoan condutas machistas e violentas, asentando no imaxinario colectivo do pobo dúas perigosas mensaxes: que a violencia de xénero é algo que se pode perdoar, e que as mulleres realizan denuncias falsas que poñen aos homes nunha situación de indefensión, situándose a carón deles e non das vítimas”, denunciou.
A secretaria das Mulleres e Igualdade da CIG considerou ademais urxente a creación dun Sistema Público Galego de Servizo de Atención ás Persoas. Rexeitou que tanto os centros de atencións ás vítimas 24 horas ou os servizos de axuda ao fogar, como os centros de día ou as residencias para persoas maiores e dependentes, estean “en mans de empresas lucrativas que gañan licitacións públicas a cambio de precarizar dereitos das persoas usuarias e traballadoras destes servizos, de igual xeito que acontece coa atención á discapacidade, conciliación e responsabilidade (comedores escolares, campamentos, comedores e cociñas, limpeza, servizos de madrugadores, escolas infantís, casas niño no rural, etc) ou cos centros residenciais construídos ou equipados por oligarcas que logo ceden a institucións públicas, co afán de deducir e branquear o capital”.
Mención aparte fixo das condicións de traballo das traballadoras de coidados que están novamente convocadas, para a semana que vén, á folga para exixir “non só unha revalorización económica e social senón poder desenvolver as súas funcións sen padecer situacións de violencia e acoso, que desgrazadamente como no caso da traballadora do SAF do Porriño se non se actúa con urxencia, poden acabar en mortes”.