A CIG reclama na Asemblea Xeral do Consorcio a aplicación do V Convenio e a negociación da RPT

Delegadas/os da central concentráronse na EGAP coincidindo co pleno do organismo

Nacional -

O pasado venres, coincidindo coa a Asemblea Xeral do Consorcio de Servizos de Igualdade e Benestar na EGAP, a CIG realizou unha concentración para esixir a aplicación íntegra do V Convenio e a negociación da Relación de Postos de Traballo. Aproveitando a presenza das alcaldesas e alcaldes, as delegadas e delegados da CIG entregáronlles un folleto explicando a situación do persoal do Consorcio e pedíndolle a súa intervención.

De feito, algún alcalde deu traslado das demandas das traballadoras/es no pleno, pero "sen resposta por parte da Xerencia". Diante da situación que se está a dar, a CIG segue a reivindicar o cumprimento do Acordo de integración -acadado hai xa un ano- no Consorcio "naquelas cuestións incomprensibelmente pendentes e que se fan imprescindíbeis" para a xestión diaria dos centros e do persoal.

Campaña de información e mobilización

Neste camiño, a CIG-Administración Autonómica vén de iniciar unha campaña de información e mobilización para conseguir que, de inmediato, as listas de contratación sexan públicas, transparentes e eficaces; negociar unha RPT que permita a ordenación clara "e conforme a unha administración transparente dos seus recursos de persoal" e a aplicación íntegra do V Convenio do Persoal Laboral da Xunta.

Neste senso, dende a Federación sinalan que "non admitimos a interpretación sesgada e restritiva dos permisos e licencias e reclamamos a aplicación dos mesmos criterios que na Xunta de Galiza".

Así mesmo, dende a CIG demándase transparencia na xestión e que se respecte a igualdade, o mérito e a capacidade que deben rexer toda administración pública e se acaben 'as encomendas', e a negociación urxente nas cuestións relativas a igualdade e conciliación.

Volver