A CIG reclama medidas de protección reais para as persoas traballadoras no Día Mundial da Saúde Laboral

A central desenvolveu unha concentración diante do Concello do Porriño para esixir responsabilidades polo asasinato da compañeira do SAF
Nacional - 28 Abr 2026

A CIG aproveitou a celebración hoxe, 28 de abril, do Día Mundial da Seguridade e Saúde no Traballo para reclamar medidas de protección reais para a clase traballadora “porque a vida e a saúde non poden seguir sendo una materia de segunda nin de terceira para as empresas e as administracións”. Máis de 150 persoas delegadas da central sindical desenvolveron unha concentración diante do Concello do Porriño para esixir tamén responsabilidades tras o asasinato o pasado verán da compañeira Teresa, empregada do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) nesta localidade.

O acto serviu tamén para lembrar a todas as persoas traballadoras que perderon a vida, que enfermaron ou que quedaron marcadas por un accidente laboral ou unhas condicións de traballo indignas, porque moitas empresas e administracións, “lonxe de protexernos, establecen medidas para garantir beneficios a costa da nosa saúde”, tal e como se sinala no manifesto que se leu ao remate do acto.

E para denunciar un modelo laboral e social que abandona a prevención, que normaliza a precariedade, que externaliza servizos esenciais, que impón ritmos imposíbeis e que deixa as persoas traballadoras sen protección real diante dos riscos. “Porque a saúde laboral implica ter medios, persoal, tempos de traballo humanos, formación real, equipos axeitados, organización preventiva, dereito efectivo á participación sindical e capacidade para parar un traballo cando existe perigo”.

Cuestións que na actualidade seguen sen estar garantidas no noso país, até o punto de que o ano pasado rexistráronse en Galiza 27.553 accidentes con baixa en xornada laboral, máis que no ano anterior. “Falamos de milleiros de persoas traballadoras que sufriron lesións no seu posto de traballo; falamos de 376 accidentes graves; e falamos de 45 mortes en xornada laboral e doutras 10 mortes camiño do traballo”.

Estes datos reflíctense de xeito especialmente preocupante no Porriño, centro dunha das áreas industriais e laborais máis importantes do país, “onde a riqueza se produce co esforzo diario de milleiros de persoas traballadoras”. Nesta localidade precisamente foi asasinada no seu posto de traballo a compañeira Teresa, empregada do SAF do Concello do Porriño. “Esta morte foi o detonante para que socialmente se tomara consciencia das condicións das traballadoras dos coidados. Escoitamos promesas de mellora que nunca se executaron, porque o modelo de privatizción deste servizo público non permite poñer en risco os beneficios das empresas concesionarias por protexer as traballadoras”.

Malia isto, a patronal e as administracións veñen de poñer en marcha unha “brutal campaña” para culpabilizar as persoas traballadoras que enferman, para presentar as baixas médicas como un problema empresarial e para negar a saúde como un dereito. “Por iso hoxe tamén dicimos con toda claridade: enfermar non é un delito; estar de baixa non é absentismo, non é unha fraude, especialmente co deterioro da sanidade pública que padecemos en Galiza”.

Neste contexto, resulta especialmente grave a actuación do Instituto Nacional da Seguridade Social que está incumprindo os prazos legais para resolver situacións de incapacidade temporal e suspendendo o pagamento das prestacións económicas, “deixando a xente sen ingresos e nunha situación de absoluta indefensión”.

Protocolo de protección efectivo para o SAF

A continuación tomou a palabra unha traballadora do SAF do Porriño, que lembrou “algo moi básico:” ningunha persoa debería xogar a vida por ir traballar. E asegurou que tanto para ela como para as súas compañeiras “falar de saúde laboral non é falar de algo afastado, é falar da nosa vida diaria. É falar do medo, da inseguridade e da falta de protección coa que moitas veces temos que facer o noso traballo”.

Neste senso, recoñeceu que tras o asasinato da compañeira Teresa “todas pensamos que algo ía cambiar de verdade, que por fin se ía actuar e que se ían tomar medidas serias para protexernos. Pero pasou o tempo e a realidade é que seguimos esperando por medidas reais, por máis protección e por respostas”.

En consecuencia, a CIG vén de rexistrar máis de 600 sinaturas de persoas traballadoras do sector dos coidados para demandar un protocolo efectivo que sirva de verdade para protexer os cadros de persoal e que se reactive xa a negociación do convenio para dignificar as condicións laborais, “porque a Xunta ten que asumir a súa responsabilidade e deixar de mirar para outro lado”.

Finalmente, censurou que se siga a manter un servizo esencial sobre a precariedade e a desprotección das traballadoras. “Por iso, tamén é preciso que este servizo deixe de ser un negocio e sexa un servizo público de atención as persoas, prestado directamente pola Xunta de Galiza, que é a quen ten as competencias”