A CIG reclama elevar o SMI até os 1.426 euros ao mes para cumprir coa Carta Social Europea

A central sindical demanda que nos decretos que regulan o Salario Mínimo Interprofesional se especifique o carácter non compensábel nin absorbíbel de ningún dos complementos salariais
Nacional - 16 Nov 2026

A CIG reclama que o importe do Salario Mínimo Interprofesional (SMI) para o ano 2027 se eleve até os 1.426 euros ao mes (19.964 euros ao ano en 14 pagas) para que así o Estado español cumpra, dunha vez, co estabelecido na Carta Social Europea que recomenda fixar o SMI no 60% do salario medio e poder garantir “un nivel de vida decente” para a clase traballadora.

Para realizar este cálculo, a CIG utiliza os métodos do Comité Europeo de Dereitos Sociais (CEDS), recorrendo aos datos do estudio de mercado de traballo e pensións da Axencia Tributaria, xunto cos datos de ingresos salariais, e os que facilita a Tesourería Xeral da Seguridade Social. Destes estudos, tírase que o salario medio no Estado español foi de 33.265 euros/ano, polo que o 60% serían 1.425,64€/mes.

O incremento do 5,3% proposto polo Ministerio de Traballo sitúa a contía do SMI nos 1.286 euros/mes, provocando que “unha persoa traballadora que perciba o salario mínimo deixe de cobrar cada mes 142 euros”, advirte o secretario xeral da CIG, Paulo Carril. Salienta que o SMI “é unha ferramenta fundamental en favor da cohesión social e para facer fronte á pobreza” e lembra que o Goberno español leva anos sen atender as recomendacións da CSE, “o que nos levou a presentar unha reclamación colectiva ante o Comité Europeo de Dereitos Sociais”.

Este reiterado e inxusto incumprimento afonda na perda da capacidade adquisitiva das persoas traballadoras que perciben os menores ingresos “que, no actual contexto de medre imparábel dos prezos, cada vez teñen máis difícil chegar a fin de mes”. A isto súmase que os mecanismos de absorción que permite a lei diminúen substancialmente o efecto dos incrementos e evita a súa aplicación sobre miles de traballadoras e traballadores.

Para evitar esta manobra, na proposta trasladada pola CIG ao Ministerio de Traballo no período de alegacións que remata hoxe, demándase tamén que se especifique o carácter non compensábel, nin absorbíbel de ningún dos complementos salariais; que se eleve o mínimo exento de tributación polo IRPF para que o SMI siga quedando libre de pago; así como a eliminación do IPREM como indicador de renda pública para calquera tipo de prestación.

De igual xeito, a central nacionalista urxe a aprobar a descentralización do SMI “para que en Galiza teñamos competencia para mellorar o estatal, adaptalo á nosa realidade aos indicadores socioeconómicos que xeren xustiza social”.