A CIG vén de presentar as súas observacións ao informe elaborado polo Goberno español sobre a aplicación da Carta Social Europea. Un documento co que solicita do Comité Europeo de Dereitos Sociais que valore o cumprimento das obrigas asumidas polo Estado español a partir da situación real que viven as persoas traballadoras e non unicamente da existencia de leis, plans ou campañas institucionais.
A CIG considera que o informe do Goberno ofrece unha descrición ampla do marco normativo vixente, pero non acredita que os dereitos laborais e sociais recoñecidos na Carta Social Europea se estean garantindo de maneira efectiva nos centros de traballo. De feito afirma que “o exercicio práctico dos dereitos laborais en España segue limitado por factores estruturais: subcontratación, precariedade, baixa densidade sindical en determinados sectores, feble aplicación da normativa nas pequenas empresas, segregación de xénero, traballo en plataformas, exceso de tempo de traballo, insuficiente control dos riscos piscosociais e un modelo institucional de diálogo social que non reflicte adecuadamente o pluralismo, especialmente en nacións como Galiza”.
Por iso, advirte de que persisten importantes déficits na aplicación práctica desa normativa, especialmente en ámbitos como a prevención de riscos laborais, a xornada e o tempo de traballo, a igualdade retributiva, a liberdade sindical, a negociación colectiva ou o exercicio do dereito de folga.
Ao longo das súas observacións ao Informe a CIG apunta, no relativo a tempo de traballo, que os límites formais conviven cunha concentración excesiva de horas. Canto a gardas e dispoñibilidade inactiva, entende que a ausencia dunha regra legal xeral xera inseguridade xurídica que pode ser incompatible cun descanso efectivo. Respecto do dereito á seguridade e saúde no traballo subliña que as elevadas cifras de sinistralidade laboral amosan que a prevención segue a ser insuficiente, ao igual que no caso dos riscos psicosociais, porque “o recoñecemento legal segue a ser indirecto e a aplicación feble”.
A central sindical sinal tamén o traballo en plataforma dixitais onde as normas legais foron difíciles de facer cumprir na práctica. Como exemplo pon o caso de Glovo, que seguiu mantendo durante anos un modelo de traballo autónomo. Situación pola que considera que o que se debe abordar, entre outras cuestións, é se as sancións son suficientemente disuasorias ou se as persoas traballadoras son regularizadas efectivamente.
No que respecta ao traballo doméstico recoñece que o avance legal, no que se refire a prevención de riscos, é real, mais considera que a aplicación segue sendo feble, ao igual que no caso das persoas traballadoras autónomas, que están excluídas do ámbito da Lei de prevención de riscos laborais. Unha situación especialmente problemática cando baixo esa denominación se agocha dependencia económica ou subordinación real.
A CIG incide tamén na persistencia da fenda salarial malia terse reducido, non só pola desigualdade salarial polo mesmo traballo, senón tamén pola infravaloración dos traballos feminizados e chama a atención, entre outras cuestións, sobre as debilidades da negociación colectiva
Información desagregada
Por iso, a central sindical solicita que o Comité Europeo de Dereitos Sociais requira ao Estado español información desagregada e verificable sobre cuestións como a actividade da Inspección de Traballo, as sancións impostas por incumprimentos, o control efectivo da xornada, a avaliación dos riscos psicosociais, a aplicación dos plans de igualdade, a situación do traballo en plataformas dixitais, do traballo doméstico ou das persoas falsas autónomas, así como datos que permitan coñecer a eficacia real das medidas adoptadas.
O sindicato reclama tamén que a avaliación do Comité teña en conta a situación das persoas traballadoras máis vulnerables e a realidade de sectores especialmente afectados pola precariedade, a subcontratación, a temporalidade e a fragmentación produtiva.
No ámbito dos dereitos colectivos, a CIG denuncia que o actual modelo de diálogo social tripartito non garante un verdadeiro pluralismo sindical e reclama que o Comité inste o Goberno español a explicar como asegura a participación efectiva dos sindicatos máis representativos de ámbito nacional, como a CIG en Galiza, nas decisións que afectan ás condicións laborais.
A este respecto, lembra que o concepto de sindicato máis representativo se define nos artigos 6 e 7 da LO 11/1987 de liberdade sindical e que, con base en criterios electorais obxectivos, os sindicatos que obteñen polo menos un 10% da representación das persoas traballadoras no conxunto do Estado, ou polo menos o 15% nunha comunidade autónoma, cun mínimo de 1.500 representantes, adquiren esta condicións. Matiza, ademais, que na actualidade CCOO e UGT cumpren o limiar estatal, mentres ELA e LAB, no País Vasco, e a CIG, en Galiza, o cumpren no ámbito infraestratal.